Lucia Berlin lévanos ao paraíso

FUGAS

Internet

A autora que nos conmocionou con «Manual para mulleres da limpeza» volve con 22 relatos perfectos para contar unha vida que non o foi. Aí a súa grandeza

13 dic 2018 . Actualizado ás 15:27 h.

Non che deixes enganar. Os paraísos de Lucia Berlin sempre encerran infernos. Pequenos, domésticos, pero terribles. Se caíste rendido ante o Manual para mulleres da limpeza, o novo libro póstumo desta xenial autora americana non che defraudará. Nunha noite no paraíso Berlin vólvenos contar a súa vida a través de 22 relatos inéditos. E faino coa lixeireza que só os grandes mestres saben pór sobre o papel. Pero tamén coa profundidade do que soubo perder a partida.

Ela é esa nena de 14 anos que no Chile máis remoto é seducida por un rico viúvo amigo da familia que le Primeiro amor de Turgueniev fronte á cheminea. É tamén a muller embarazada que mata, mentres os seus fillos dormen, ao traficante de heroína que fornece o veleno ao seu marido en México. O seu corazón latexa baixo a viúva, sempre alcohólica, que comparte recordos coa primeira esposa do seu marido e na nova nai derrotada polo tedio (que nin a lectura de Thomas Hardy alixeira) e disposta a matar por recibir a atención do seu esposo.

Son mulleres cultas, intelixentes, capaces, valentes, pero sempre namoradas do home equivocado. Son homes bohemios, artistas, maridos que falan de poesía, que tocan jazz que adoran a pintura e viven en mundos moi afastados das rutinas domésticas.

22 contos cheos de tenrura, de humor e dunha prosa perfecta para contar unha vida que non o foi. Unha vida que Berlin afronta coa súa voz única, irrepetible.

Se o regalas, acertas.

UNHA NOITE NO PARAÍSO

AUTORA LUCIA BERLIN

EDITORIAL ALFAGUARA

288 PÁXINAS, 18,80 EUROS