«O humor é unha arma de construción masiva»

TEXTO: CATERINA DEVESA

FUGAS

MARCOS MÍGUEZ

Foi premiado con «o Nobel da maxia» de Hollywood, triunfa en televisión, cine e radio, pero é o teatro onde confesa sentirse máis cómodo, máis el. Hoxe actúa en Marineda City (A Coruña), a as 20.00 horas, a entrada é libre

30 novs 2018 . Actualizado ás 05:15 h.

Coa mesma frescura que nos seus inicios, pero con máis experiencia, Luis Piedrahíta volve a casa para inaugurar o Nadal e de paso facer pasar un bo intre aos seus seguidores.

--Que significa para vostede dar o pistoletazo de saída ao Nadal?

-Faime moita ilusión, porque para empezar é unha escusa para estar un intre na Coruña. Ademais un crese que se inicia o Nadal grazas a el, coma se fose Papá Noel.

-Que pode adiantar de «Play the Christmas», o seu «show» de hoxe?

-Non é un espectáculo, é algo máis especial porque só sucederá hoxe. Darei un pequeno speech, farei un xogo de maxia e acenderemos as luces. O protagonista non son eu, é que o Nadal empeza en Marineda.

-Sempre quixo ser humorista?

-Non é unha decisión que tome, non creo que sexa bo empeñarse en acadar unha meta porque se poden perder oportunidades polo camiño. Eu non me empeñei en ser humorista, pero todo o que facía tiña tendencia cara ao humor. Desde pequeno gozaba vendo a humoristas, e bo, algúns dos máis importantes son galegos, como Wenceslao Fernández Flórez, Julio Camba, Álvaro Cunqueiro ou Valle-Inclán.

-Galicia é un berce de humor?

-Si, teño un proxecto que agardo facer pronto porque A Coruña se merece un encontro de humoristas. Hai unha gran cantidade de autores literarios, como os que citei antes, e outros como Castelao que, se lles rascas, por dramático, triste ou duro que sexa o que contaron fixérono desde o humor. Por iso creo que me tira tanto o humor e tarde ou cedo A Coruña terá un festival internacional de humoristas.

-Como describe o seu humor?

-É mellor que o describa outro. Eu podo dicirche como o sinto. Por unha banda está o humor que ataca e destrúe, que é necesario, que busca inxustizas para denuncialas, pero non é o que fago eu. Eu sempre digo que o humor é unha arma de construción masiva, para min serve para intentar construír o mundo que me gusta. O humor nunca é inofensivo, sempre ofende a alguén, pero a ofensa ten que ser xusta.

-Fala de ofensas, que lle parece o de Dani Mateo?

-É triste. Non está ben que por un sketch léveselle a un tribunal. Din que se soou os mocos coa bandeira, pero nin sequera era unha bandeira, é atrezo, é parte do decorado. Se foi chamado a declarar é porque alguén o denunciou e iso significa que hai xente que non distingue a realidade da ficción, e un ten que saber o que é verdade e o que non.

--Un se autocensura para evitar polémicas?

-A censura é un cancro, pero non é suficiente para impedir a creatividade. Hai 40 anos non se podía falar de nada, tras a morte do ditador podíase falar de todo e agora parece que se pode falar de todo, pero en realidade non se pode falar de nada. Non é bo que haxa unha vixilancia constante sobre o comunicador.

-Televisión, radio, teatro... Que faceta é a máis Piedrahíta?

-Onde son máis eu é en teatro, facendo maxia ou humor en directo. É onde o artista pode contar o que quere sen intermediarios.

-Como se sente tras recibir «o Nobel da Maxia»?

-Moi contento, non sería posible sen os irmáns García Pastur, que sempre me aconsellan e axudan.