O rock en mans dos millennials

FUGAS

MONICA IRAGO

Teñen 16 anos e son os raritos de clase. E é que lles gusta o rock clásico. Han teloneado a Rosendo e Dakidarría e acaban de sacar o seu primeiro disco

27 novs 2018 . Actualizado ás 01:38 h.

Longa vida ao rock and roll, titulan a canción coa que abren o disco. Toda unha declaración de principios. Que xa promulgou tamén Barón Rojo no seu debut, alá por 1981. Hoxe os tempos son outros. Aínda que comparten a súa paixón polo rock de hechuras clásicas, os compoñentes de TNT Band non gastan melena nin coiros. Locen suadoiros e desbordan buenrollismo. Aínda así, recoñecen, son os «raritos da clase». E é que o rock non achou un caldo de cultivo propicio na xeración millennial. Mal que nos pese.

Varias son as razóns polas que TNT non son outro grupo teen, como tantos que nacen, case crecen e desaparecen. No 2017, con menos dun ano de existencia, TNT acadaron a semifinal do certame nacional Musicaula. Este ano repetiron e quedaron segundos, entre case 200 grupos de todo o Estado. No seu aínda curto currículo poden presumir ademais de haber teloneado a Rosendo e participado no concerto do 15 aniversario de Dakidarría. Se a iso se lle une unha desbordante e xuvenil ilusión e un tesón e uns xeitos impropios da súa idade imos achegándonos á realidade deste cuarteto arousán.

Unha realidade que quedou plasmada nun disco que discorre entre pasado, presente e futuro.

O pasado ten o seu principal reflexo nunhas influencias que remiten a Rosendo, Barricada ou Os Suaves.

O presente queda plasmado nunhas letras, para nada azarosas, que abordan cuestións propias da súa devir cotián. Desde o bulling ás drogas pasando polos ninis ou a súa paixón pola música. Mesmo se atreven, con certa crítica social, mostras de hastío e incorrección política, como en Adoutrina2 , tema no que participa Gabri Simón, cantante de Dakidarría. «Estamos sensibilizados. Pensamos as cousas dúas veces e reflectímolo nas nosas cancións. Non nos gustan as letras baleiras de contido», comentan. «Infórmache e crea opinión propia / Xamais che deixes manipular / Curta vos fíos, se libre e pensa / Define ou teu ben e ou teu mal», cantan. O devandito, os raritos da clase.

O futuro albíscase nun par de momentos do disco (Florisa e Sempre é igual) nos que TNT se desprende do rock castizo para coquetear co ska, o blues e mesmo o punk. Asoman entón outros referentes máis recentes como A Raíz, Ska-P, O Adhesivo ou Riot Propaganda. «Somos moi novos para limitarnos a un só estilo», asumen. Non sería, xa que logo, de estrañar que esa vertente mestiza gañase protagonismo en futuras composicións do cuarteto.

Mudarán, seguro, as súas ilusións como agora mudan as súas referencias. Xurdirán conflitos e inquietudes. E, quen sabe, talvez tamén novas oportunidades. Pero que lles quiten o bailao. Que xa é máis que o nunca puideron imaxinar. E do que deles se podería agardar. Parte colectivo non é un divertimento xuvenil. Hai xeitos, hai cancións, hai actitude e hai contido. E se algo sóbralles, aos seus 16 anos, a Iñaki, Carlos, Manuel e Luis é precisamente futuro.

Oito cancións nas que poderosas guitarras se poñen ao servizo da mensaxe. O rock de sempre visto a través dos ollos dunha nova xeración.