O novo líder da Fórmula, fichaxe estrela da verbena

FUGAS

JOSE PARDO

Despois dunha saída «dura» tras once anos na dianteira da orquestra Olympus, aterra noutra formación como líder de «absolutamente todo», coa intención de levala todo o máis alto: «O reto é intentar gañar a Champions; e se non, polo menos xogar a final»

22 feb 2021 . Actualizado ás 21:01 h.

Baixo o título A decisión e cun Auditorio Abanca de Santiago cheo, Antonio Moreira, Peke (Tui, 43 anos), unha das estrelas da verbena, iniciou unha nova etapa. O pasado mes de setembro, despois de once anos, o cantante anunciou o seu adeus á orquestra Olympus e unhas semanas despois picou billete noutra formación: A Fórmula, onde chega como líder. «Necesitaba iniciar outra vez un proxecto feito por min, empezar de cero con algo propio. Sentíame que estaba estancado e creo que aínda estou vivo, que aínda podo conseguir algo máis», conta.

A palabra «ilusión» repítese cada vez que fala deste cambio. «Facíame falta unha renovación de ilusión, renovar as forzas, a ansia e as ganas de facer algo grande outra vez», valora. Entre as cousas que lle gustan da Fórmula, que vaia a estar «absolutamente toda» dirixida por el. «É o que me motiva, o que me pon excitado, porque é algo que quero levantar e levar todo o máis alto. E se o consigo, será un gran éxito», subliña.

Despegou dunha das grandes para intentar levar a esta ata aí. «Sei que é complicado, porque en Olympus chegouse moi arriba e conseguíronse moitas cousas. Pero ese é o reto: intentar gañar a Champions. E se non, polo menos xogar a final», valora o cantante afincado en Negreira. Para iso, arrincou co citado acto no auditorio santiagués. «Ningunha orquestra, ningún cantante, fixo unha presentación así. Comprobei quen é Peke e como ten ao público da súa man. Iso foi incrible», destaca. Aí tamén aproveitou para presentar a nova dianteira de cantantes que o acompañarán na Fórmula: Anxo Sevilla, Alexis Brito, Fátima Grande, Maikel Ricoy e Maythe Leiva; así como dous bailaríns, Sisi e Ariel.

Mentres, sobre o adeus a Olympus, describe a saída como «dura, durísima». «Non pasou nada, só necesitaba un cambio dos de renovarse ou morrer. Sempre me trataron ben, sentinme nunha familia -os xefes son padriños do seu fillo-. Foi unha formación que me fixo moi grande como artista. Crecín, aprendín e conseguín logros que nunca tería imaxinado. Lévome todo bo, nada malo», conclúe. Antes estivera en Nazaret, Alkar e Filadelfia.

Pola súa banda, a orquestra Olympus terá en Néstor Pena, ex do Combo Dominicano, un gran reforzo na dianteira. E como non quedan ocos sen cubrir, a formación canaria anunciou o regreso de Arodi Llanos , que estivo as tres últimas tempadas no grupo Nova Forza. «Volve para deleitarnos con todo o seu talento e carisma únicos», destacaron desde a dirección do Combo, que sacou á venda un novo CD: Un bico na discoteca.

Entre outros movementos relevantes na verbena, tal e como destaca a web especializada Orquestras de Galicia, atópase o adeus a París de Noia de Fátima Pego, unha das cantantes máis queridas da noite galega. «Foi unha decisión moi meditada, pero necesaria para apostar por proxectos futuros. Foron seis anos incribles, polo que me sinto moi agradecida, tanto á dirección como a todos os que me apoiastes nesta aventura», reflectiu no seu comunicado. Esta formación tamén sufriu a baixa de Sergio Corral , mentres Natalia Méndez saíu de Panorama. Doutra banda, a orquestra canaria Harmonía Show anunciou que deixa o circuíto galego.