The Hives: «Será un orgasmo de hora e media»

TEXTO: CARLOS CRESPO

FUGAS

cedida

Podían ter encabezado o cartel de calquera festival do verán. Pero chegan case no inverno. Da man do Son do Camiño, iso si. Benvidos sexan, en calquera caso

10 novs 2018 . Actualizado ás 16:36 h.

Abóndanlles seis letras, Come on, para convocar multitudes. E un riff como o de Hate to say I told you so para provocar o delirio colectivo. Despois dun verán no que se pasearon polos mellores festivais europeos, o deste sábado na Coruña será o último concerto do 2018 para The Hives. E anuncian que agardan «chegar á éxtase e producir un orgasmo prolongado durante hora e media». Ti mesmo.

-O da Coruña será o voso último concerto do ano. Tedes algo especial preparado para a ocasión?

- Non podemos dicilo porque iría contra o protocolo de The Hives. Pero agardamos que A Coruña si que teña preparado algo especial para nós.

-Non publicastes ningún disco desde 2012. Por que?

-Sinxelamente porque non logramos producir, ou polo menos rematar, algo o suficientemente bo como para pasar o control de calidade de The Hives.

-Cando soou por primeira vez o riff de guitarra de «Hate to say I told you so», pensabades que ía chegar a converterse nun dos primeiros himnos xeracionais do século XXI?

-Por suposto que si. E se xogamos ben as nosas cartas tamén teremos algo similar para o século XXII. ¡Suxeitádevos aos vosos asentos!

-Ata que punto seguides facendo o que queredes ou condiciónavos o éxito e a necesidade de mantelo?

-Facemos exactamente o que queremos. Se tivésemos que aspirar a ter éxito ou a mantelo teriamos lanzado polo menos un novo disco desde o último, non crees? The Hives non están interesados en publicar merda. The Hives só están interesados en publicar boa merda. ¡Pon iso no teu diario!

-A letra de «Come on!» non ten máis que esas dúas palabras Como xurdiu esa canción? Que queriades transmitir con ela?

-Sempre aspiramos a manter ese difícil equilibrio, no fío dunha folla de afeitar, entre a música e ideas bobas por unha banda e a música e ideas xeniais polo outro. Esa canción é un testemuño diso. De que ás veces, as cousas simples son bobas e xeniais. Tamén é un kickstarter perfecto para calquera espectáculo de rock.

-Sempre vos movestes na vertente máis lúdica e vándala da música. Ese espírito punk é hoxe talvez máis necesario ca nunca?

-Sempre dicimos que o rock o deberon inventar 20 persoas bébedas nunha sala que querían divertirse. Ese é o espírito que queremos manter vivo. Hoxe e para sempre. Que o chames rock and roll ou o chames punk non nos importa.

-Nalgúns sitios defínenvos como os herdeiros de The Stooges, B-52's ou Devo. E noutros vos vinculan con grupos como Franz Ferdinand ou The Strokes. De quen vos sentides máis preto?

- Atopamos o éxito case ao mesmo tempo que The Strokess ou Franz Ferdinand e realmente gústannos. Pero ser mencionados xunto a The Stooges, B-52s ou Devo é unha honra. The Stooges e Devo foron unha gran influencia para nós.