Rosalía, a proba empírica dun talento anunciado

CARLOS PEREIRO

FUGAS

LLUIS GENE

A catalá demostra co seu novo traballo que poderá competir a nivel internacional con calquera outra artista pop. É un disco serio e complexo, cargado de matices e intencións. Rosalía comezou a súa conquista

13 novs 2018 . Actualizado ás 10:49 h.

Sobre Rosalía (Barcelona, 1993) oirá e lerá estes días de todo. Contaranlle que é unha cantaora revolucionaria, que é a Beyoncé castiza, a paya con trasgo flamenco, a catalá que se namorou das bulerías… Pero sobre todo lerá que está destinada a triunfar, que será unha estrela. Ocorre algo con este feito e é que tal afirmación é errónea. Rosalía non vai triunfar porque xa o fixo, nacional e internacionalmente, e agora só queda o deleite, o paseo sonoro pola súa aventura melómana, o gozar das futuras cancións que brinde ao mundo.

Hai apenas unha semana, o seu disco O mal querer vía a luz. É todo o que un podía agardar da catalá. Unha obra fresca, moderna, capaz de darlle ao mainstream máis actual un aroma flamenco e que funcione, que o público non se inmute, senón que a aplauda. Non é doado. O mérito máis grande de Rosalía coas súas últimas cancións foi poder fuxir do explotadísimo ritmo reguetonero e soar en todas as listas de reprodución do país (e parte do estranxeiro).

Non é un tema baladí. A industria musical leva anos sen querer arriscar por nada nin por ninguén, e a aposta de darlle semellante protagonismo mediático a unha moza de vinte e cinco anos que soña con ser cantaora, con editar un disco conceptual dividido en capítulos e por amais lanzar algunhas das pezas audiovisuais máis rompedoras dos últimos anos, soa a esperpento empresarial. Pero Rosalía fíxoo. Convenceu propios e a estraños. A crítica e o público hana abrazado e ela quixo devolver o favor.

O mal querer é unha obra que o tempo acabará dotando dun significado máis profundo que o que agora teña, máis aló do éxito que poida espremer este próximo ano. É o segundo disco de longa duración da catalá, e queda configurado como un percorrido por once rituais musicais mesturados entre o flamenco, a música contemporánea e as melodías urbanas. Hai oco para as palmas e as guitarras, pero tamén para os sintetizadores e as baterías electrónicas. Nin sequera ela mesma atrévese a definilo dentro dun estilo ou unha palabra.

Composto, coproducido e planeado pola propia Rosalía, está chamado a ser o punto de inflexión da súa carreira. A parte fundamental dun proxecto que vai máis aló deste traballo discográfico e que se complementa cos videoclips e os humillantes directos coreografiados da catalá.

En certo xeito, a viaxe de Rosalía acaba de comezar. Avecíñanse curvas. Polo momento xa viviu acusacións de apropiación cultural. Coma se a música tivese amo ou señor. Quedaron no anecdotario, claro. Se algo demostra a artista no seu novo traballo é o talento para mesturar rexistros e chamar a atención a miles de profanos dunha música que, xa sexa por distanciamento xeográfico ou descoñecemento, parece quedarlle moi afastada.

Hai poder nas letras do mal querer. Un diálogo continuo entre un home e unha muller. Ela pon a voz a ambos, polo que pode chegar a custar distinguir onde empeza un e acaba outro se un se perde nas palabras.

É un traballo elegante e intelixente, con nada ou moi pouco ao azar. Igual que tampouco exista disco algún no mercado capaz agora mesmo de facerlle sombra en ambición e intencións.

Hai momentos sublimes, como Bagdad, o capítulo sete, que toma como base o Cry ma River de Justin Timberlake e consegue demostrar empíricamente a capacidade autoral da catalá á hora de outorgar un son novo a algo xa existente, unha inxección tremenda de frescura da que colgarse horas a través dos altofalantes.

Soa ata raro ter que indicar que o disco se consome dunha tacada, nunha orde concreta, da Á a Z, pero algo que neste momento rompe co canon de consumo musical. Agradécese volver atoparse cunha obra deste tipo.

DE TI A Tú

Con apenas vinte e cinco anos, Rosalía xa bailou e tocado en terreos que outros só poden soñar. Alá onde vai público e compañeiros de profesión posan a súa mirada nela tratando de discernir de onde saíu a artista que teñen diante e por que non a coñecían antes. Ocorreu no show de Jools Holland da BBC, e volveu pasar coa súa actuación nos MTV Awards celebrados en Bilbao hai apenas uns días. Os berros do público, cantando cada golpe de voz da canción, fixérona a heroína da noite. Así funciona en directo a moza cantaora. Un alarde de garganta e de movementos xunto a outras doce bailarinas, agora tuteladas baixo a batuta da coreógrafa de Rihanna.

A cousa vai moi en serio. Tanto, que non é desatinado pensar que Rosalía poderá falar de ti a ti con outras divas pop internacionais. Tempo ao tempo. E no seu caso, todo parece ir a unha velocidade imposible.