Vivica Genaux: «Abba tamén é música, perténcenos a todos»

CRISTÓBAL MANEIRO

FUGAS

cedida

A gran diva da ópera barroca actúa por partida dobre na Coruña. Este domingo rende homenaxe ao fundador do seu primeiro teatro, Nicola Setaro, cun espectáculo no Rosalía. E o 30 de outubro cantará a ópera «Serse»

28 sep 2018 . Actualizado ás 09:44 h.

Co seu pirsin no nariz e a súa talla de modelo, a rival de Cecilia Bartoli é unha das estrelas máis glamurosas da ópera actual. Chega con novo cedé, dedicado a Vivaldi, recentemente saído do forno para estrearse agora na Programación Lírica coruñesa. A mezzo de Alaska (Fairbanks, 1969) e o barítono Borja Quiza celebran xuntos os 250 anos da chegada da ópera á cidade.

-O espectáculo que protagonizará este domingo foi concibido para reivindicar a figura de Nicola Setaro, o fundador do primeiro teatro musical na Coruña, en 1768. Cre que a ópera é hoxe tan necesaria como o era hai 250 anos?

-O teatro e a música foron sempre moi necesarios para min, que me criei en Alaska, onde os invernos duran nove fríos e escuros meses. As Artes eran tan esenciais para min como a comida, a auga ou o aire. Non se se a xente de hoxe sente esta necesidade. Somos bombardeados polos medios de comunicación constantemente; estamos pendentes das redes sociais as vinte e catro horas do día... Pero creo que a música e o teatro poden resultar moi terapéuticos ao ofrecernos novas perspectivas sobre as nosas rutineiras, metódicas vidas. Fannos soñar, experimentar o que doutro xeito sería imposible... A música e o teatro enriquecen a nosa mente, a min permítenme proxectar os doutro xeito fracturados procesos mentais nun mundo belo onde todo se pode.

-Alaska parece en principio bastante afastada dos grandes circuítos de ópera internacionais, como chegou vostede a interesarse pola lírica?

-Alaska foi un gran lugar para as Artes en xeral. En Fairbanks, onde eu nacín e crecín, non tiñamos compaña de ópera pero si un teatro musical, toda clase de coros, orquestras, bandas, grupos de danza, todo o que poida imaxinarse. Así que tiñamos a oportunidade de estudar e actuar. Con todo, as Artes eran sempre vistas como un pasatempo, non algo do que se puidese vivir, por iso aínda que sempre amei o canto animáronme a estudar algunha carreira de Ciencias na universidade. Pero cando fun alí e vin que as Artes non formaban parte esencial da miña vida, depriminme tanto que os meus pais me permitiron transferirme á Universidade de Bloomington, á súa Escola de Música, onde me graduei en Actuación Vocal. ¡Así que teño a miña licenciatura!

-O concerto do domingo servirá ademais para renderlle tributo ao falecido director de escena Gustavo Tambascio, que na Coruña dirixiu lembradas producións de «Falstaff» de Verdi e «A Parténope» de Vinci, como lembra os seus traballos con el?

-Recordo sobre todo a nosa colaboración nunha ópera de Durón no Teatro da Zarzuela madrileño. Xa lucía moi fráxil, era un intelectual pero ademais unha persoa moi perceptiva e apaixonada. Encantoume traballar con el, así que estou encantada de que esta actuación sirva tamén para lembralo.

-Comparóuselle tantas veces con Cecilia Bartoli como as dúas raíñas actuais do seu repertorio, moléstalle ou mantén unha boa relación con ela?

-Ao principio da miña carreira comparábanme con Marilyn Horne, o que creo que foi unha gran honra para o que non estaba preparada. E dalgún modo sinto o mesmo cando agora me comparan con Cecilia Bartoli. Porque as dúas cantemos rápido non quere dicir que sexamos similares. Creo que temos técnicas moi dispares, diferente cor vocal e personalidades artísticas moi distintas. Só traballamos xuntas unha vez e foi unha experiencia marabillosa.

-Na Coruña actuará agora xunto á Orquestra Barroca de Mateus. Que opina da interpretación con instrumentos orixinais? Parécelle máis apropiado cantar este repertorio cun conxunto especializado?

-Gozo tanto traballar cos instrumentos de época no repertorio barroco que practicamente rehúso facelo doutro xeito. A afinación é lixeiramente máis baixa, pero os instrumentos teñen un son moito máis humano para min. O obxectivo na música era que o instrumento imitase á voz humana, e que a voz tamén puidese imitar a varios instrumentos. Isto pode lograrse moito máis facilmente con instrumentos de época, que teñen un timbre máis parecido á voz, un son menos metálico.

-A finais de outubro regresará a Coruña para cantar unha ópera completa, o «Serse» de Händel, que antes tamén ofrecerá con «Il Pommo D'ouro», a orquestra que patrocina a escritora norteamericana Donna Leon, en Viena, Londres, París e Lisboa. Que opina desta obra, gravarase?

-A gravación sairá conxuntamente coa xira, que me permitirá traballar por primeira vez co contratenor Franco Fagioli, ao que admiro moitísimo. Será realmente un privilexio cantar cunha repartición de tanto prestixio e talento, levando esta obra mestra polas principais cidades europeas.

-Existe un vídeo moi divertido de vostede xunto á soprano Simone Kermes no que ambas interpretan xuntas unha canción de Abba como propina durante un concerto en Istambul… Faría nalgún dos seus concertos máis versións de música pop?

-Non, foi algo que fixemos soamente porque queriamos expresar dalgún xeito que ese tipo de música tamén é música, que esa etiqueta sobre os cantantes segundo a cal só poden interpretar música barroca, belcanto ou verismo é ridícula. A música é música e pertence a todos, tanto aos intérpretes como aos oíntes por igual.