Néstor Pena: «Estou seguro de que o meu ciclo en O Combo Dominicano rematou»

FUGAS

cedidas

Aínda que a famosa orquestra é a súa casa, decidiu buscar «retos e ilusións» e seguir superándose cada día nun novo lugar. Por iso, fai un par de semanas anunciou o seu adeus e outras formacións xa están a chamar á súa porta

17 ago 2018 . Actualizado ás 10:52 h.

Un comunicado nas redes sociais abondou para provocar un novo furacán no mundo da verbena. O pasado 31 de xullo, Néstor Pena Pérez (Las Palmas de Gran Canaria, 33 anos) anunciou que, ao acabar a presente xira, deixaría O Combo Dominicano. A formación na que evolucionou do 2010 ao 2012 e á que regresou, tras un ano na Orquestra Aché, no 2014. Desde entón, converteuse nunha das voces máis seguidas en Galicia e, de feito, asentouse aquí. O seu refuxio é Boqueixón, onde vive coa súa muller, que é de alí, e tamén co seu fillo, «metade galego, metade canario». A súa familia é, de feito, o motivo principal do seu adeus.

-Que tal o verán?

-Moi atarefado, como sempre, pero moi ben. Hai moito traballo e a resposta do público é moi positiva.

-Está a gusto con ese trafego?

-Depende do día e do estado de ánimo, pero lévoo moi ben.

-Antes o ritmo non era o mesmo, como viviu o bum do Combo?

-Sempre se recolle o que un sementa. Vivilo... ¡aquilo foi impresionante! O bum foi incrible, era algo que non soñara xamais.

-Moven case tanta xente como os grandes artistas.

-Si, é verdade. E é incrible. Non me comparo con xente dese calibre, pero si que é certo que en Galicia, a xente trátanos igual que a eses artistas que están consagrados. Pero bo, non me comparo con eles.

-Pero algunha foto haberase feito e algún autógrafo terá asinado...

-¡Uf! Moitísimos, moitísimos. Case a diario. Nas actuacións ou, simplemente, indo pasear coa miña familia. Se che ven, xa che pairan. E para min non supón ningún problema.

-Pasar de ser un descoñecido a isto, como se dixire?

-Xa o vexo como algo natural. Non lle dou demasiada importancia, porque non me creo máis que ninguén, son un máis da rúa. A nosa profesión é igual a calquera outra, o que pasa é que movemos moita masa de xente. E a verdade, estou encantado. Grazas aos que nos ven, somos o que somos a nivel de orquestra.

-En Boqueixón pode respirar.

-É que nunha cidade non sería para nada feliz. A min o que me gusta é o campo. Sobre todo, polo traballo. Movemos tanta xente cada noite que o que busco é desconectar, non ver a ninguén. Levantarme e ter verde, natureza, ao meu fillo, á miña muller, aos meus sogros. Estar en modo familiar, non metido de cheo no mundo da orquestra. Creo que isto me fai máis forte para traballar como traballo.

-No seu comunicado de despedida dixo que dedicou ao Combo o 200 % nos últimos anos.

-Sempre se sacrifica, sobre todo, a familia. A xente ve un traballo amais do escenario, pero non o que hai detrás: moitas horas de ensaio, moitas viaxes entre Canarias e Galicia..., o que significa demasiadas horas sen a familia. É un sacrificio que ten a súa recompensa, entre comiñas, cando o público che dá calor e aplauso despois de cada canción. Dou o 200 % porque intento ser o mellor. Non competindo cos meus compañeiros, senón formando parte do equipo, para tirar do carro todos xuntos e estar o máximo de tempo arriba.

-Sendo un equipo, sería difícil tomar a decisión de irse, non?

-Complicadísimo. Son moitos anos. Ao Combo Dominicano quéroo como a miña casa que é. Son demasiadas vivencias e recordos. Grazas á oportunidade que me deron no seu momento, son quen son a día de hoxe no mundo da verbena.

-Máis aló do que escribiu, por que tomou a decisión?

-Hai dous puntos craves. Para empezar, a miña familia, que é o primeiro que debe haber na vida de calquera persoa. Ela atopou un traballo aquí no que está moi feliz e o meu fillo vai á escola. Entón, creo que nunha parella sempre se teñen que sacrificar ambas as partes. Ademais, necesítoos, non podo estar eu en Canarias e eles aquí.

-E o segundo punto?

-Aínda que hai xente do público ou compañeiros que pensan que podo seguir no Combo, persoalmente estou seguro de que o meu ciclo rematou. Necesito novos retos e ilusións noutro sitio. Seguir superándome cada día máis, pero noutro lado, non no Combo.

-Nótaselle emocionado...

-¡Claro, é normal! Son moitísimos anos... e pasei vivencias desde que era un neno. quedo con mil cosas. O Combo non sempre estivo arriba, tamén estivo abaixo. E cando estaba abaixo, pasabámolo mal. Non había xente nas festas e aos catro gatos que nos vían había que arrastralos para que bailasen. Pero de todo apréndese .

-A súa relación coa formación é boa tras o anuncio?

-Os meus motivos de irme non son pola empresa. Senteime coa dirección para unha negociación e non chegou a bo porto, pero non pasa absolutamente nada, a vida continúa. O Combo é a miña casa e deséxolles todo o mellor do mundo, do mesmo xeito que penso que eles mo desexarán a min na miña nova etapa.

-Tivo a oportunidade, entón, de quedar no Combo?

-Puido ser unha opción, pero na reunión non se chegou a un acordo. Ou máis ben, eu ía coas cousas bastante claras. Entón, vin esa opción bastante pequena e non quixen ir máis aló.

-Rumoréase que está en contacto con outras formacións, decidiu xa o seu destino?

-De momento, non. Teño propostas, grazas a deus, non creo que me vaia a faltar traballo. Pero non o decidín por que para min é unha elección importante. Entón, non quero tomala a treo, quero pensarme as cousas.

-Algunha das outras formacións grandes falou xa con vostede?

-[Sorrí] É normal que cando un sae dunha formación que está en auxe, acabe chamándoche algunha que está tamén arriba. Pero de momento non podo dicir nomes. Dentro de moi pouco direi onde vou ou onde non vou.

-Un excompañero seu, Óliver Pérez, tivo unha saída do Combo máis atropelada. Como levan?

-Óliver é o meu irmán. Falamos case cada día, porque o boto moito de menos, como compañeiro e como profesional. El e eu tiñamos unha química bastante grande amais do escenario. Mirabámonos e xa sabía cada un o que tiña que facer, había unha conexión. Creo que o botarnos de menos é mutuo.

-Entón, non sería unha mala opción un reencontro nos escenarios [na París de Noia].

-¡Claro que non! Estar con grandes profesionais e grandes persoas nunca é unha mala opción.

O mercado de fichaxes, cada ano máis adiantado

O anuncio de Néstor Pena cando non había nin empezado agosto non é o habitual no mercado de fichaxes da verbena, pero cada vez vese máis. «Antes isto ocorría a partir de mediados de setembro, cando acababa a tempada, pero agora os artistas queren asegurarse canto antes o seu futuro. Sobre todo, porque cada vez hai menos orquestras que actúan tamén no inverno e son as máis cobizadas», explica Diego Muiño, un dos responsables do portal especializado Orquestras de Galicia. No entanto, o do canario é, polo momento, o único movemento entre as grandes. Ademais del, tamén moveron ficha Daniel Aguilera, cantante da orquestra Compostela; Rulo Paz, da Fórmula; e Iria Quintáns e Diego Puga, cantante e batería de Gran Parada.

De aquí en diante, Muiño augura «moitos movementos». En anos anteriores foron rechamantes as saídas de Óliver Pérez no 2017, do Combo cara a París de Noia, ou a de Jorge Ferre, que no 2015 pasou de Panorama á Fórmula e, ao ano seguinte, marchouse a Olympus, onde se atopa agora.

En canto ao adeus de Néstor, o xestor de Orquestras de Galicia opina que «gañou moito peso nos últimos anos, sobre todo tras a saída de Óliver». Polo momento, non hai noticias acerca de Eulícer Aróstegui, que chegou a anunciar a súa despedida do Combo o ano pasado, pero finalmente continuou na formación.