«Thriller» nas Rías Baixas

ENRIQUE V. PITA

FUGAS

cedida

O xurista madrileño Eduardo Soto-Trillo narra en «Eu nunca» unha intriga psicolóxica protagonizada por un opositor que se retira a estudar a unha misteriosa vila de Galicia

03 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O autor e xurista madrileño Eduardo Soto-Trillo, oriúndo por parte paterna de Vilagarcía de Arousa e veraneante en Aguete, escribiu a novela Eu Nunca (Edicións B), un thriller psicolóxico que ten como decorado unha misteriosa vila das Rías Baixas. Reflexiona sobre a sociedade que nada quere saber dos trastornos mentais, especialmente cando estes provocan un asasinato. Sostén que o amor de alguén próximo (pai, nai, parella ou amante platónico) adoita ser o detonante do crime. Entramos na eterna pregunta de se inflúen máis os xenes ou a educación. Nesta novela aparecen diversos casos de enfermidade mental: o asasino de nenos que resulta ser un psicópata, a esposa resentida que matou o seu amor por celos, o fillo toleado pola droga ou a bolseira obsesionada cos seus colegas. Concédenlles unha segunda oportunidade para refacer as súas vidas nunha remota vila galega, Ramil, que atrae a forasteiros golpeados pola crise do 2008.

O protagonista da novela é Luis, un opositor a xuíz de Madrid, que tras a morte accidental da súa nai alcohólica e desequilibrada, refúxiase para estudar o temario no seu pazo familiar de Val de Ondas. Comparte o caserón coa súa tía, unha mayorazga en decadencia. Ao seguir solteira, conserva o patrimonio e as rendas pero está vendendo as terras familiares a baixo prezo a un antigo amor, Antonio, o novo rico e cacique, un emigrante retornado de Alemaña feito a si mesmo. En parte, a atmosfera lembra ese aroma dos folletines decimonónicos nos que o señor rentista retornaba ao seu pazo galego a pór orde.

Este é unha viaxe iniciático desde a capital ao rural salvaxe, á Galicia profunda, a esa España baleira da lei do silencio, as rifas por lindes e veciños dominados por caciques, narcos e incendiarios de montes. O escenario encaixa coas rías de Pontevedra e Arousa, pois menciona unha fábrica papeleira, unha cidade chamada Arealonga e unha illa, posiblemente A Illa.

O opositor, un niñato malhumorado, rebelde e caprichoso, con traumas, prefire procastinar no canto de cantar os temas do exame: fuma porros, chincha á súa tía e pasa as tardes no bar de esmorga con estraños forasteiros como el. Non mostra empatía polos indolentes aldeáns ou a súa cultura. A frase «Eu nunca» se refire a un xogo xuvenil no que o perdedor debe contar algo que nunca fixo e beber licor. Faise amante dunha fisioterapeuta de 40 anos, outra recentemente chegada, e filtrea coa nova restauradora dunha ermida, unha foránea. Hai tórridas escenas de sexo seguidas dun tobogán de celos, culebróns de familia e duras reflexións sobre a crise do ladrillo, o 15-M ou a trama dos incendios.

A vida bucólica en Ramil rompe por mor dun asasino de cans. É o primeiro indicio de que algo fallou ao reintegrar a persoas estigmatizadas pola súa enfermidade mental. O protagonista madura, comprende a gravidade da situación, reacciona e salva á súa amada, as súas terras e o seu futuro.