Sinsal, a chamada do descoñecido

TEXTO: C. CRESPOTEXTO: ÓSCAR VÁZQUEZ

FUGAS

Non, esta vez non hai retahíla de artistas. O Sinsal non desvela o seu cartel ata que non se chega alí. Serán, iso si, 28 concertos en catro escenarios

27 jul 2018 . Actualizado ás 11:27 h.

É o soño e anhelo de todo programador. Que a confianza por parte do público chegue a tal punto que se esgoten as entradas sen sequera ter que anunciar os nomes dos artistas que comparecerán. Así vén ocorrendo desde hai anos no Sinsal, o festival que esta fin de semana reunirá na illa de San Simón a 800 privilexiados cada xornada, que só poderán acceder ao recinto en barco.

Aínda que non se desvelan nomes si que se coñecen algúns datos. Serán 28 os concertos que se celebren en catro escenarios, con artistas internacionais chegados de Australia, Guinea Ecuatorial, Cuba, Reino Unido, Romanía, Eslovenia, Portugal e o EE. UU. Tamén se sabe que catro dos grupos actuarán por primeira vez en España e que para outros once será o seu debut en Galicia.

O Sinsal é un caso único no circuíto festivalero estatal. Un festival que aposta pola sustentabilidade e a diversidade, entendida non só en referencia ao territorio senón tamén ao estilístico. «A mellor forma de comunicar diversidade é non programar o mesmo estilo e romper guetos», explica Julio Gómez, director do festival, quen ademais desvela que na apertura dunha das xornadas desta edición a protagonista será a música clásica.

Máis aló da programación musical o Sinsal propón proxectos de creación artística, camiñada para coñecer a illa, o laboratorio de sal, performances, talleres co sistema Lupo de arquitectura e saídas en kaiak.

ATA O DOMINGO. ILLA SAN SIMÓN. REDONDELA. ENTRADAS ESGOTADAS