Xa non fai falta imaxinar a Peter Pan

ALEXANDRA MAZA / S. F.

FUGAS

Cedida

13 jul 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O espectáculo Tan só hai que imaxinar… do musical de Peter Pan chega a Galicia a finais deste mes. Poderemos gozalo o venres 20 de xullo ás 20.00 horas no Teatro AFundación de Vigo. Esta obra é unha produción familiar de gran formato que cativou a máis de 4.000.000 de espectadores e que xa realizou máis de 4.500 representacións

Este espectáculo representa a historia orixinal de J. M. Barrie, que na súa obra trata os temas do amor, a familia, a maternidade e a amizade, entre outros. Unha infinidade de actores, cantantes, bailaríns e acróbatas darán vida aos personaxes clásicos da nosa infancia como Wendy Darling, o Capitán Garfio e os nenos perdidos. Esta obra faranos volver ser nenos e sentirnos mozos outra vez durante todo o espectáculo, gozando con cada escena e cantando as cancións como cando eramos pequenos.

TALENTO Por milleiros

A Produtora española Theatre Properties nace da man do produtor e director Tomás Padilla. Ofreceron durante os últimos 18 anos un despregamento de musicais de gran formato que deu a coñecer o talento español ao longo de diferentes países do mundo. Shrek, Annie, Aladdin o Musical, A maxia de Broadway, Tarzán ou O marabilloso Mago de Oz, son algunhas das obras que xa representaron nos teatros máis relevantes. No ano 2008 converteuse na primeira e única produtora do mundo en representar un musical de gran formato en español no West End de Londres coa obra de Peter Pan. E tamén foi galardoada co Premio MAX das artes escénicas como mellor obra do teatro musical hai 20 anos, en 1998. O Reino Unido, Portugal, México, Uruguai, Perú, República Dominicana e Colombia xa viron a obra, só faltas ti para gozala. Adiante.