«O rock, o soul, o hip hop ou o jazz débenllo todo ao blues»

FUGAS

Oleg "Yelkz" Elkis

É talvez o músico que máis a profundado na raíz africana do blues do Delta e o que máis influíu no seu actual desenvolvemento. A súa soa presenza xa xustifica a atención que merece un festival que reúne a unha ducia de grande nomes do xénero

14 jun 2018 . Actualizado ás 20:47 h.

Non é, sen dúbida, un bluesman ao uso. E non porque a súa compaña habitual sexa unha guitarra acústica. Nin polas súas longas rastas, que denotan a súa querenza cara aos sons e as tradicións jamaicanas. A singularidade de Corey Harris (Denver, Colorado , 1969) nace da súa inquietude por explorar as raíces do blues máis aló do que aconteceu no Delta. E esa procura, como non podía ser doutro modo, levouno a África. Alí deu co santo graal, o xenuíno substrato daqueles sons. A partir de aí xa todo foi evolución. Anticipouno B.B. King, cando dixo que Corey Harris era «unha das apostas máis seguras do blues actual para conseguir que evolucione o estilo». E de seguro fíxoo. Sen prexuízos pero sen perder nunca de vista o esencial. Colaborou con Wilco, Billy Bragg, Ali Farka Touré ou Ry Cooder, explorando novos camiños para o xénero. Pero ao mesmo tempo publicaba discos como True Blues, descarnado retrato do blues primigenio, cru e austero como un eterno queixume. Ou coqueteaba cos ritmos jamaicanos en Rasta Blues Experience. Ou experimentaba alí ata onde a tensión das súas raíces permitíanllo, como en Believe.

Por fortuna Corey Harris resulta moito máis elocuente coa súa música que coas súas palabras. Moito máis expresivo cando se senta coa súa guitarra que cando o fai fronte ao que cuestionario que nos reclamou. Intentando indagar acerca de que territorios musicais fascínanlle o músico de Denver remítenos ás músicas negras. «Escoito moito blues, jazz, reggae e música africana», dinos, á vez que recoñece que «tamén me gusta moito o flamenco».

Para Corey Harris África é a nai de todas as músicas modernas. Maternidade que tamén reclama para o blues. «As músicas populares modernas, o rock, o funk, o hip hop, o jazz, o gospel, ou o soul débenllo todo ao blues. Progresións de acordes, notas, estilos de canto... Todo», sentenza.

Heterodoxo por natureza Harrys non admite, nin como concesión, o que se fale de reivindicar a autenticidade. «A palabra ortodoxia non se pode aplicar nunca ao blues. O blues real sempre explorou novas formas de avanzar en cada momento porque era un rexistro da vida dos negros, dos bos e dos malos. Os verdadeiros músicos de blues continuarán indo máis aló do entretemento e falarán sobre as vidas reais das persoas que o crearon».

Expóñolle que Jhonny Winter dicía que «hai que coñecer moi ben o pasado para poder escribir o futuro e que o blues non se pode tocar dun día para outro». E respóndeme con outra cita. «Un home de blues chamado Jeff Scott dixo unha vez que debes coñecer a historia para comprender o misterio. Debemos coñecer as nosas verdadeiras raíces e quen somos en realidade. E unha vez que o coñezamos temos que ser capaces de expresalo».

E aí si. Aí Corey Harris é un auténtico mestre. Un virtuoso da guitarra e da voz capaz de extraer emocións dunha intensidade desbordante case da nada.

Harris actuará na praza da Constitución de Fisterra mañá ás 20.30 horas. É o gran atractivo do festival pero nin moito menos o único. A xornada de hoxe conta coas presenzas de Wax & Boogie, Chris Kramer & Beatbox'n'blues e The Lákazans. Mañá será a quenda de Alejandro Vargas, Os Deteriorados, Edu BigHands & Paul San Martín, Seydel Harp Attack e The Trashtoes. Para o domingo resérvase a actuación de Carla Green & The Demons.