Esta terraza é xa un gran éxito

TEXTO: M. ALFONSO

FUGAS

MARTINA MISER

Guadi Galego e Iván Ferreiro; Uxía Senlle e Depedro; e Marcos Teira e A Negra son algúns dos dúos que animarán os atardeceres dos Xoves de Códax

08 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Quen pode resistirse a un concerto no que a voz de Guadi Galego comparta escenario coa de Iván Ferreiro? Quen quere perderse unha actuación na que Uxía Senlle axude a Depedro a cantar en galego? Pois, a xulgar pola rapidez coa que voaron as entradas, moi poucos. En Martín Códax volvérono facer: programar unha serie de concertos irrepetibles, que porán a música aos atardeceres dos xoves de xullo e agosto, e conseguir que o seu tirón sexa tal que as entradas desaparezan en cuestión de minutos. Son Os Xoves de Códax, un programa musical que, por se lle faltasen atractivos, celébrase sobre unha terraza cunhas incribles vistas sobre a ría de Arousa e as súas postas de sol. Faille falta máis? Pois saiba que todo iso se marida cos mellores viños da adega.

É a terraza con máis éxito do verán. Xa non hai quen o poña en dúbida. Porque, tras sete anos de historia, o interese que esperta e as expectativas que xeran Os Xoves de Códax son cada vez maiores. Proba diso é que as entradas voan, literalmente. En menos de cinco minutos esgotáronse este ano os pases para ver a Guadi Galego e Iván Ferreiro, que inaugurarán as sesións o próximo 5 de xullo. «Sempre intentamos propoñer cousas diferentes ao ano anterior e buscar mesturas cada vez máis sorprendentes», explica María Garrido, directora de mercadotecnia da adega. Precisamente nesa mestura de estilos, de sons e de culturas radica o éxito destas citas musicais.

A oferta de Martín Códax é única. Cada actuación nace dunha convivencia entre artistas, de que os protagonistas de cada actuación residan durante uns días no pazo de Almuíña para axustar as súas voces, os seus temas e crear propostas sorprendentes que logo trasladan á terraza. A cita é sempre ás oito e media da tarde, os xoves de xullo e agosto. E se aínda necesita unha escusa máis para asistir saiba que todo o que se recade coas entradas doarase a unha asociación benéfica. O prezo das entradas é de 15 euros e só se poden conseguir a través da web da adega. É probable que a estas alturas se esgotaron todas as do mes de xullo, pero aínda quedarán as de agosto. Saen á venda o 4 de xullo, ao mediodía. Hai que ser rápido.

O programa deste ano arrasou. Guadi Galego e Iván Ferreiro, en cuxas mans está a inauguración da terraza, darán a paso a Xabier Díaz e As Adufeiras de Salitre, que actuará o 12 de xullo. Unha semana despois chegarán Marcos Teira Traslations Quinteto e A Negra nun concerto no que a guitarra flamenca se fusionará co jazz, o pop ou os boleros. Uxía Senlle é xa un clásico destes concertos e, nesta ocasión, actuará en compaña de Depedro. «Os dous cremos na música sen fronteiras, experimentamos co que atopamos nas nosas viaxes», explicaba a artista na presentación do ciclo.

Se xullo é o mes da fusión de músicos, agosto será, nesta ocasión, o da mestura de culturas. Banda Xangai, unha formación baixo a que se reúnen importantes nomes da música galega e que toma o nome do tren que durante décadas uniu Galicia e Cataluña, inaugurará o mes o día 2 cos seus muiñeiras, rumbas e ata merengues.

Unha semana despois chegarán os sons brasileiros de Forro Mior, que estarán acompañados da multicultural vocalista Najla Shami nun espectáculo aberto á improvisación. E o día 16 Alejandro Vargas, Pancho Amat e o Cabildo do Son encherán a terraza cos mellores sons cubanos. De botar o pano nesta terraza do verán ocuparanse Jenny & The Mexicats e Toñito García nun concerto con perfectos ritmos de jazz, rockabilly, folk, flamenco e reggae. Se quere asistir a calquera destas citas estea atento. Nesta terraza, as entradas voan.