María Suárez González: «Volver escribir foi a mellor receita»

FUGAS

MARCOS MÍGUEZ

A autora de «Soñando con Cala» retomou a súa afección á escritura por prescrición médica, pero o que non agardaba era que unha editorial a descubrise a través dos seus relatos en Internet. Todo un éxito que xa vai pola súa segunda edición

28 may 2018 . Actualizado ás 00:24 h.

María era unha desas nenas que garabateaban en calquera retrinco de papel que atopaba. Pequenas parcelas nas que plasmaba os seus sentimentos ou calquera asunto que se lle pasaba pola mente. Na adolescencia pasouse aos diarios e a moitos máis relatos que nunca pensou conservar. O que xamais imaxinou foi que aquela necesidade de escribir volvería brotar en plena madurez. Con éxito e con gran aceptación do público.

«Podo dicir que a min me recetaron escribir. E a verdade é que esa receita non puido ser mellor», explica. Quen lle fixo esa recomendación foi un psicólogo. María Suárez González (Corme, 1969) dedicouse primeiro á informática, pero unha circunstancia familiar tras o nacemento da súa primeira filla, fixo que todo se detivese. Arrincaba un novo obxectivo na súa vida e nel baleirouse. Tocaba estar cos máis próximos así que María se converteu en ama de casa e en nai entregada a tempo completo. A literatura perdeu todos os pequenos lugares que conquistara ao longo da súa vida. «Deixeino toda nesa etapa e, cando vin a luz, cando xa todo estaba solucionado, deume un bajón emocional moi forte. Aí foi cando o psicólogo me dixo: “María, a escribir”. As consultas eran curtas así que eu volvín plasmar os meus pensamentos, pero a verdade é que sempre tomándomo como un pasatempo». María volvía afiar a súa pluma, pero de novo, só para ela. «Nesta ocasión si que ía gardando os relatos. Non os ensinaba porque me daba vergoña, pero despois vin en Facebook un bo soporte. Lanceime a publicalos e xa notei que tiña unha boa acollida. En realidade, a min tamén me estaba gustando que gustasen», explica.

Deste xeito, a gran rede social convertíase na primeira «editorial» de María Suárez González. No seu muro, empezou a colgar pequenos relatos. «A verdade é que primeiro escribía calquera cousa. Houbo quen me dixo: “pero para que che expós tanto?”. Sempre pensei que non perdía nada e aos poucos empecei cos relatos». Mentres Facebook íaa lanzando, ela ía mellorando a súa técnica e compartía grandes momentos cos seus compañeiros do taller literario do Ágora. «Sigo experimentando, pero a verdade é que me apoiaron moitísimo».

Así chegaba 2017 e a gran chamada. O escritor e editor Juan Mariñas queríaa no seu recentemente estreada Lautana Editorial. Descubrira a María a través dos seus relatos na rede. «Díxome que lle gustou moito o que escribía. Propúxome que publicásemos un libro, que se tiña suficiente material. ¡A xente dáse empuxóns por conseguir publicar e a min estábame pasando isto!», lembra.

Quen é Cala?

Juan Mariñas deulle así a María «todo o tempo do mundo». Ela aproveitou algúns dos relatos que xa tiña no seu poder, pero a gran maioría eran de nova colleita. «Tiven liberdade e tempo. Foi unha gran aprendizaxe. Coñecín todos os aspectos do mundo editorial». Na súa situación calquera tería tido vertixe, pero María non. «Para min nunca fora unha meta. Esa proposición foi un agasallo. En realidade, todo me veu regalado, así que me preparei para gozalo». Ela cre que foi a madurez e a experiencia as que lle deron o amorne necesario para pórse coa súa nova misión. «Aproveitando o verán, que estaba en Corme e que a chavalada déixame máis libre porque se vai polo pobo, senteime a escribir e goceino». O resultado, un libro de relatos, que non deixa de sorprender, Soñando con Cala. «O libro está formado por relatos independentes. E despois está ela, Cala, que vai intervindo, imos viaxando a través dos seus soños», comenta María. Desa protagonista que soña, pouco máis se pode contar sen descubrir os segredos deste libro. Só que o seu nome di moito de María. Como o propio personaxe explica na súa obra, elixe ese nome para a súa viaxe, non pola flor, senón polas «pequenas enseadas rodeadas de rocas que as protexen. Por unha vez quero a virtude da serenidade, aínda que sexa no nome».

Así comeza Cala o seu percorrido. Entre diferentes etapas históricas e sempre a través da vida de mulleres. As historias de Griselda, Oliva ou Estrela. Mulleres anónimas. «Todos os relatos teñen unha base feminina. Gústame levar á ficción escenas do sentimento. Algo que me motiva. Para iso os relatos son perfectos. Máis ou curtos ou máis longos, pero permítenlle ao lector coñecer con forza esa historia e concluíla». Entre esa longa lista de nomes de mulleres anónimas, hai saltos no tempo, ata chegar a outros máis coñecidos. «Gústame pórme na pel desas mulleres. Cal puido ser o seu outra historia: unha homenaxe, o cariño ou a admiración. Sempre hai un sentimento. Por exemplo, un dos personaxes é Camille Claudel. O seu mérito foi ser a amante de Rodin. ¡Pero hai máis que contar! Investigo cal foi a súa vida e sempre atopo como tirar do fío, que o lector mire cara a onde eu quero. Unha muller contémplaa, enténdea ou mesmo denuncia unha situación», relata María. E é que no seu libro, hai moita reivindicación sobre o papel da muller. «Parece que delas sempre se ve a superficie, se son guapas, con quen estiveron casadas, así que as miñas mulleres teñen moita fortaleza, sexan inventadas ou reais». María quixo plasmar así parte da súa eu, do eu da súa familia. Un grupo de mulleres fortes e valentes. Un auténtico matriarcado. E esa intención non se desvanece nin á hora de fixar un lugar para esta charla. Elixe casa Museo de Emilia Pardo Bazán na Coruña. «Moitas veces quedámonos con que só era unha condesa e na súa situación económica privilexiada, pero foi a primeira muller en plasmar os malos tratos psicolóxicos nos seus contos. Os seus temas son moi actuais, así que os seus privilexios non deben tapar a outra realidade». En só uns meses Soñando con Cala conseguía a súa segunda tirada, pero María non se moveu nin un milímetro da súa actitude directa e humilde. «Isto foi moi gratificante. Imaxínache o que é entregarlle a un editor o teu libro. Pero a verdade é que nin teño pensado vivir disto. Quero continuar, pero nada máis. Foi unha experiencia que gocei, foi boa e positiva. Aínda penso nos nervios que pasaba nas primeiras presentacións. A xente preguntábame cal era o meu método para escribir. A min?», explica rindo a gargalladas. Os seus seguidores querían saber de onde saía a súa inspiración, mentres ela mantén o seu discurso. «Eu aínda non son unha escritora. Podería haber pronto novidades, pero para considerarme unha profesional, tería que dar aínda moitísimos pasos», sentenza.