Un gratificante sopro de aire fresco

TEXTO: CARLOS CRESPO

FUGAS

CEDIDA

A electrónica e a música tradicional galega danse algo máis que a man nun disco que reivindica o onte desde a vangarda

25 may 2018 . Actualizado ás 17:10 h.

Non é a primeira vez que a música tradicional galega e a electrónica crúzanse no camiño. Ben é certo que ata agora a maior parte desas confluencias foran xeradas por músicos provenientes do tronco do folk, léase Budiño ou Mercedes Peón, entre outros. Nesta ocasión non. Esta vez a ousadía xurdiu das inquietudes e, por que non recoñecelo, de certa morriña do músico catoirés fincado en Madrid Alejandro Guillán, a quen coñeciamos como Álex Casanova no seu anterior proxecto de corte synthpop. «Eu crecín escoitando os cedés de música tradicional que había na miña casa. Cando me vin a Madrid tróuxenmos para ver que samplers ou que ideas podía extraer de eles», relata.

O resultado desa investigación é Solpor, a primeira referencia discográfica de Baiuca. Nove temas nos que a electrónica e o substrato orgánico do folclore manteñen un tour de force apaixonante, do que ambos resultan vitoriosos.

Un dos grandes acertos de Baiuca é non ter caído no xogo facilón e artificioso de incorporar sen máis unhas bases electrónicas a unhas melodías tradicionais facilmente recoñecibles ou á tribal expresividade dunhas cantareiras. Non, Baiuca aposta por crear unha fusión, entendida no seu sentido máis profundo, naquel que transcende á sumatoria de elementos sincopados. Unha fusión na que o orgánico e o electrónico non só conviven senón que se aúnan formando un único todo rexido polas mesmas leis. E non é, sen dúbida, tarefa doado acadar ese complexo equilibrio capaz de propiciar inspirados momentos de tan emotiva brillantez

Para logralo Baiuca descartou en parte a idea orixinal de utilizar só samplers e regrabó en estudo boa parte das voces, ademais das frautas e algunhas percusións. Así mesmo evitou tamén recorrer unicamente a melodías tradicionais sustentadas por bases electrónicas e creou catro temas propios: Morriña, Solpor, Brétema e Arume. Títulos que evocan ben ás claras que este é un disco que se sitúa nas antípodas desa aséptica frialdade de boa parte da música electrónica actual. «É un disco de sentimentos e de sentidos», confesa o seu creador. A pesar das rotundas bases que por momentos se apoderan destes cortes tampouco é Solpor un disco concibido para a pista de baile. Nin un deses discos de tan profundas como vacuas atmosferas creadas a base de sobrepor capas e capas de texturas sonoras. «Sempre me gustou facer cancións», di Alejandro Guillán. Aínda así non descarta que algúns dos temas deste disco sexan remezclados. E é que en moitos deles hai evidente madeira de hit. Creado desde o respecto pero sen medos nin complexos Solpor é un gratificante sopro de aire fresco. Que boa falta nos facía.