«É o meu disco máis duro en 20 anos»

FUGAS

cedida

Xunto a The Suicide of Western Culture creou un disco absolutamente rompedor, no formal e no conceptual. Unha sorte de cartografía sonora do máis radical e convulso underground

25 may 2018 . Actualizado ás 11:21 h.

Non estaba todo perdido. O sometemento nunca é absoluto. Sempre quedan aldeas galas rodeadas de trincheiras e barricadas. E nunha delas, entre o lume cruzado do mainstream e a im postora independencia, foron caer Fermin Muguruza e o dúo catalán de electrónica de combate The Suicide of Western Culture (TSOWC). En pouco máis dun mes prepararon un artefacto sónico que fixo voar polo aire todo ese convencionalismo, tan próximo ao pensamento e ao son único, que semellaba apropiarse da nosa paisaxe musical. Ese arma sonora de destrución masiva é B-Map 1917 + 100, un disco conceptual toma como base a electrónica industrial para a partir de aí postular un xénero que está por definir. «Sempre estivo a favor das músicas que aínda estaban por crear», di un Fermin Muguruza que reclama para este disco a condición do «máis duro que fixen desde hai 20 anos. Ten un son moi besta, moi industrial, mesmo difícil para determinado público que me segue». E iso, vindo del, é moito dicir.

A outra cara

Explica Muguruza que a idea do disco xurdiu ao darse conta de que hai unha serie de cidades que empezan por B cuxos conflitos espertan moito interese xornalístico: Beirut, Bilbao, Belfast, Barcelona, Berlín, Bogotá... E a cada unha delas dedica unha canción. Dez rueiros músico-político-emocionais a partir dos cales Fermín Muguruza mapea o ruxido da indignación, a convulsión e a revolución no mundo actual. «Descubrín un mapa moi interesante ao redor da letra B.

Doutra banda, esa letra é como da outra cara da realidade, é a contracalle». Seguramente o lugar onde máis cómodo se sente un músico que se por algo se caracterizou é por ir sempre á contra, sen importarlle en demasía as consecuencias.

Muguruza tiña o concepto pero había que desenvolvelo. Un feliz encontro situouno un bo día en Barcelona xunto a TSOWC. Á tarde seguinte xa puxeran en marcha un proceso creativo kamikaze coa idea de gravar un par de temas. «Xuntabámonos e iamos escoitando músicas que eles me traían, dándolle voltas a que se podía facer e que non. Empezamos a facer traballo de cirurxía musical», narra o músico vasco.

Ao terceiro día xa viu claro que podía facer un disco enteiro e, ademais, un disco conceptual. «Era un laboratorio de creación impresionante. Iamos proxectando imaxes, eu escribía as letras e gravaba melodías sobre as súas bases musicais, despois inserimos os samplers... Foi todo moi suxestivo e imaxinativo».

O resultado deste traballo de Fermin Muruguza será posto en escena en directo en só 8 cidades españolas. Santiago de Compostela será mañá una delas.