Annette Bening: «Gústame que os personaxes que interpreto conspiren contra min»

MARÍA ESTÉVEZ

FUGAS

ANGELA WEISS

Tíñalle ganas ao papel de Gloria Grahame, a quen pon rostro e sentimento en «As estrelas de cine non morren en Liverpool» para mostrar a alma unha estrela abandonada por Hollywood

27 may 2018 . Actualizado ás 09:34 h.

Annette Bening levaba dúas décadas detrás do personaxe de Gloria Grahame. Por fin, puido rodar As estrelas de cine non morren en Liverpool, a íntima historia de amor da actriz, xa na súa etapa madura, co novo actor Peter Turner, interpretado por Jamie Bell. A cinta baséase nas memorias que Turner escribiu en 1987, tras refuxiarse no teatro londiniense para poder seguir traballando como actriz.

-Como xurdiu este proxecto?

-Bárbara Broccoli, unha das produtoras, e eu somos amigas desde a infancia. Ela e Peter Turner, quen escribiu o libro en que está baseada a película, son amigos. Esa é a conexión. Empezamos a falar de levar esta novela á pantalla hai máis de dúas décadas e agora déronse as circunstancias para poder desenvolvela.

-Que atopou en Gloria Grahame para admirala?

-A conexión entre Peter e Gloria é fascinante. El amábaa e foi capaz de articulalo nunha novela. Curiosamente, Peter non sabia quen era ela cando se coñeceron. Non tiña nin idea. Por suposto, naqueles tempos non existía Internet e non era doado pescudalo. Hoxe, vas a Google e atópalo nun momento. Aos poucos a súa relación foise enriquecendo e Peter descubriu quen era. Gloria vivira unha vida de éxitos en Hollywood e fora a gran muller fatal do cine negro. Logo, as cousas complicáronse para ela con catro matrimonios e catro fillos. Este capítulo da súa vida é o menos coñecido, nunha época na que non lle ofrecían personaxes e sentíase por completo abandonada. Foi entón cando Peter apareceu.

-Que destacaría dela?

-A súa curiosidade, a súa vivacidad, a súa carismática personalidade. Era unha muller moi divertida, resistente, capaz de aguantar a dor. Era, sin duda, unha sobrevivente. Amigos meus que a coñeceron, asegúranme que era moi privada pero cun gran sentido do humor. A súa relación con Peter foi profunda e auténtica. El e a súa familia foron os únicos que estiveron con ela ao final da súa vida.

-Interpretar a unha muller ao bordo do precipicio, supón un esforzo emocional ou é algo terapéutico para vostede?

-Diría que é terapéutico. Agardo que o sexa. Hai días nos que sentía o peso emocional, pero iso é reconfortante para un actor. Gustaríame poder sentirme así con todos os personaxes. É algo excitante. O importante cando decides representar un papel é deixar que che controle, perderche dentro da súa vida. Gústame atoparme en territorio descoñecido e que os personaxes conspiren contra min.

-Vostede é nai e está casada con Warren Beatty, que tamén é actor. Inflúe a súa familia nas súas decisións profesionais?

-Hai que atopar o equilibrio adecuado. Para min, como para calquera outro empregado, é un alivio cando volvo a casa do traballo. Síntome agradecida. Este filme foi doado de manexar porque puiden levar aos meus fillos. Son bastante boa organizando a situación loxística da miña familia.

-Como é a súa relación coa fama?

- Gústame manter a miña independencia, esconderme do mundo e gardarme cos meus. Non gozo coa atención que provoca a fama.