A señora que escribiu «Anagnórise»

DIEGO AMEIXEIRAS

FUGAS

RAMON LEIRO

En «Sementadora de futuro», Isabel Soto e Xavier Senín debuxan un fermoso retrato vital desta muller estremeña que un día decidiu adoptar o galego como idioma literario, xa instalada aquí como profesora de instituto, e poñernos un espello diante coas súas agudas consideracións lingüísticas, todas de triste actualidade.

20 abr 2018 . Actualizado ás 05:10 h.

Gardo na memoria a lectura de Anagnórise, aquela complicada novela á que tivemos que enfrontarnos uns rapaces a finais dos oitenta. En realidade, as complexidades formais para un lector novo, que non eran tantas, compensábanse polo interese que espertaba unha trama prometedora. A historia de María Victoria Moreno era unha road-movie con protagonista adolescente, muller madura e cinco paquetes de haxix, unha combinación que daquela anunciaba unha suxestiva inmersión no prohibido. Trinta anos despois de tantas ansiedades, a escritora que nos contou a viaxe de Xulia e Nicolau protagoniza este Día das Letras, data que vén sempre acompañada de diferentes aproximacións biográficas ao redor da figura homenaxeada. En Sementadora de futuro, Isabel Soto e Xavier Senín debuxan un fermoso retrato vital desta muller estremeña que un día decidiu adoptar o galego como idioma literario, xa instalada aquí como profesora de instituto, e poñernos un espello diante coas súas agudas consideracións lingüísticas, todas de triste actualidade.

Moito lle debemos a esa xeración que abriu tantos camiños cando a autonomía propuña unha esperanza cultural hoxe estragada.

Para quen a impresión de María Victoria quedou encallada naquela exitosa aventura adolescente, estas páxinas serven para coñecela (ou descubrila) nunha dimensión que engrandece a súa figura pioneira. Tamén para sobrevoar unha confortable nostalxia por esas lecturas, como Anagnórise, que nos abriron os ollos ao mundo.