M-Clans: «O rock é alleo ás modas por supervivencia»

FUGAS

cedida

O seu é facer cancións como esas que cantaba Rod Stewart antes de perder a vergoña, e volvérono a demostrar co seu último disco, Delta.

12 ene 2018 . Actualizado ás 13:08 h.

Toca gozar dunha banda infalible. É o caso, lle a pesar de quen lle pese, de M Clans. Carlos Tarque e Ricardo Ruipérez levan 25 anos dando o callo no lado máis sobrio do rock and roll, sen importarlles por onde sopra o vento en cada momento. O cantante deixa claro que a el, o das modas, nin lle vai nin lle vén.

-Delta soa máis tranquilo e sereno do habitual en M Clans. Chegoulles a hora da madurez?

-A idea orixinal era moito máis minimalista que o que resultou Delta ao final. Queriamos facer un disco moi espido. Pero foi unha cousa puntual. Sempre intentamos facer discos diferentes ao anterior, dentro da música que nos gusta, claro.

-Facendo rock and roll, aínda que pareza estar pasado de moda.

-Desde que empezamos a tocar non é que houbese demasiados grupos de rock and roll enchendo salas. Poida que o rock duro crease unha tendencia en España, cos Suaves ou Rosendo. E ves bandas que reivindican o rock clásico, pero non creo que chegue a pórse de moda. Tampouco me preocupa moito, a verdade. O rock and roll nunca estivo de moda, só nos anos cincuenta. De feito o propio espírito do rock é manterse alleo ás modas por pura supervivencia.

-Non houbo unha época mellor? Eu vinlles actuar xunto aos Inimigos no Coliseo da Coruña, un recinto onde este ano toca Shakira.

-¡Pero desde iso choveu moitísimo! Esa foi a presentación de Usar e tirar, case nada. Cústame crer que realmente houbese unha época de eclosión de grupos de rock en España. Charramangadas sempre houbo moitísimas e témome que sempre haberá. Pero unha época dourada do rock… Tampouco vale queixarse. Agora en España hai unha chea de grupos que llo traballaron sen axudas. Como o tema do indie, que son grupos que tocan guitarras e que están a encher salas. E alégrome.

-Agora é do que se trata, non? De encher salas. Porque o de vender discos… Fernando Pardo, de Sex Museum, se autodefine como un obreiro do rock. Comparte ese status?

-Iso significa ser músico. Entendo o que quere dicir Fernando, que levamos moita estrada e demais. Pero é que iso forma parte da vida do músico. Desde antes mesmo de que existisen as gravacións. O importante é tocar, é o que che dá para comer.

-Polo menos a xente segue indo ver música en directo en España…

-Si, pero hai cousas nas que poderiamos avanzar moito, sobre todo se nos fixamos noutros países. En España a música non forma parte da cultura cotiá, como si pasa en Inglaterra, por exemplo. Aquí segue sendo unha cousa lúdica, relacionada coa festa, pero non forma parte da nosa cultura. Pero sen dúbida que non é o peor momento da música en directo en España. Este ano pasado fixémonos 71 concertos, que non está nada mal.

HOXE VENRES, 23.00. SALA PELÍCANO. A Coruña. ENTRADAS 26 EUROS