O excitante froito dun oportuno encontro musical

TEXTO: CARLOS CRESPO

FUGAS

MARCOS MÍGUEZ

Que bonito que o fixeches. O coruñés asina e presenta un certeiro disco no que envolve a esencia do rock no renovado celofán da tradición latinoamericana

05 ene 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Si, claro que moitos outros o fixeron antes. E que? Desde Radio Futura a Xoel, Bunbury ou Depedro, por citar algúns dos máis relevantes. Todos axuntaron con xeito a herdanza que en terras ibéricas deixou o rock anglosaxón con aquela outra que nos chega da tradición musical latinoamericana. A eles súmase agora por dereito propio Pardo grazas á colección de cancións que compoñen o seu novo disco Libélula. Un traballo no que o rock e o pop flirtean en acertado cambalache coa cumbia, o bolero ou o son cubano.

Pór a mirada no quefacer musical do outro lado do charco pasou de ser unha excentricidade a converterse en sinal de modernidade. «Durante moito tempo non lles prestamos atención porque estabamos subxugados polo irmán do norte pero a música latinoamericana foi e segue sendo tremendamente rica», comenta o músico coruñés. Convén no entanto lembrar que a pesar das incuestionables referencias sonoras daquelas latitudes, cunha incontestable versión do Vaiche de min incluída, Libélula é un disco de esencia roquera desde o minuto uno. Desde Golpeado por primeira vez, o espido tema que abre o disco cun áspero riff ao que pronto se suma a non menos áspera voz de Néstor Pardo, evocando ao mellor Calamaro ou aos anos dourados de Carlos Tarque, dúas referencias que sobrevoan, seguramente de forma involuntaria, varias pasaxes deste traballo. Outra novidade, e ao tempo estimulante achega de Libélula, é a vertente jodona que Pardo incorpora a algunhas das súas letras. Así, por exemplo, na brillante Un gran plan despáchase con sublime sarcasmo fronte á falta de humildade da que fan gala algúns colegas de profesión. «Apetecíame ser un pouco máis irónico e darlle un toque de humor a algunhas cancións, sen chegar por suposto á ofensa e incluíndo un pouco de autocrítica», sinala. E nese alarde de ironía chegan a ter cabida na mesma estrofa Moisés, Buda e Amancio (Ortega). Ri e explícao. «Por graza ou por desgraza aquí é un semidiós para moita xente, outro deses grandes xenios triunfadores que aluman o meu camiño». Pardo ofrece esta noite o segundo concerto de presentación de Libélula . E faino en formato trío, acompañado de Alejandro González (piano e baixo) e Martín González (percusión e sintetizador).

HOXE, 22.00. A Coruña. MARDI GRAS. ENTRADAS 8 EUROS