A política americana é de cine

Lucía Vidal

FUGAS

ETIENNE LAURENT / POOL

Arnold Schwarzenegger gobernou California. E o cachas The Rock Johnson quere agora ser presidente dos Estados Unidos. As enquisas din que superaría a Trump

28 dic 2017 . Actualizado ás 05:06 h.

Nunha escena de Regreso ao Futuro II, Doc e Marty manteñen este delirante diálogo:

-Pois dime, mozo do futuro, quen é o presidente en 1985?

-Ronald Reagan.

-Ronald Reagan? O actor? ¡Ja! E quen é o vicepresidente? Jerry Lewis? Supoño que Jane Wyman é a Primeira Dama, e John Wayne o secretario de defensa...

Hollywood, berce de actores, é tamén, canteira de políticos. O último en postularse a presidir a Casa Blanca segue o ronsel de Schwarzenegger: outro xigante musculado chamado Dwayne Johnson. Algunhas enquisas vaticinan xa que gañaría a Trump nas eleccións do 2020. «A fronteira que antes separaba estes dous mundos dilúese cada vez máis. É a tendencia ao politainment: entretemento e comunicación política. Agora vemos dimensións dos políticos que antes se nos restrinxían, como a súa familia ou as súas afeccións» apunta Pablo Vázquez Sande, profesor da USC e fundador de axénciaa Atalaia Comunicación. Xogan con vantaxe estes novatos da política? Segundo Eladio Jardón, director do Instituto Internacional de Mercadotecnia e Comunicación,«a súa principal característica a favor é a popularidade. Gozan da simpatía da opinión pública e líbranse da mala reputación asociada á clase política, aínda que a súa falta de experiencia tamén pode pasarlles factura». É necesario, engade Sande, «que o candidato faga unha estratexia de reposicionamiento para marcar claramente onde acaba o seu papel de actor e onde comeza o de político».

MEMORIZAR O GUION

Tamén exgobernador de California, Ronald Reagan gobernou os Estados Unidos desde 1981 a 1989. Gran comunicador, memorizar os guións veulle de perlas para aprenderse os discursos cos que conquistaba ao público. Bastante máis curta foi a incursión de Clint Eastwood nas altas esferas. Aínda que foi alcalde durante dous anos da localidade californiana de Carmel por un partido independente, son soados os seus posicionamentos a favor de Nixon, Reagan ou Romney, pero tamén o seu defensa do matrimonio gai, o aborto ou a protección do medio ambiente. George Clooney nunca ocultou as súas ambicións políticas e os demócratas levan tempo botándolle os trastes.

«As incursións de xente doutras esferas na política teñen moito que ver coa ausencia de políticos que ofrezan credibilidade ao cidadán. É tal o desencanto que a poboación busca respostas noutro tipo de candidaturas. Confía en persoas sen pasado político que, polo menos aparentemente, poden axudar a desintoxicar», di o politólogo Eladio Jardón.

A mesmísima Eva Perón, a nena dos rizos de ouro Shirley Amorne, o Batman Val Kilmer, ou a leste outro lado do charco, Toni Cantó e Juanjo Puigcorbé, probaron sorte na política con maior ou menor fortuna.

Talvez o tolo científico Doc non tivo en conta que moitas veces a realidade supera á ficción.