Outro éxito nos despachos do Breogán

FORZA BREO

ALBERTO LOPEZ

O Consello de Administración liquidará cun ano de antelación os 790.000 euros do plan de viabilidade impulsado no 2020 para sanear e fortalecer o club

01 jun 2023 . Actualizado ás 19:48 h.

O Río Breogán afrontará a súa terceira tempada consecutiva na Liga ACB cunha saúde de ferro, tanto na parcela deportiva como na económica. Instalado nun momento de bonanza sen parangón nos últimos tempos. Levaba décadas o breoganismo sen gozar deste xeito, e todo é grazas á brillante actuación dos actuais dirixentes, que tomaron as rendas tras o último descenso da Liga Endesa, no 2019, e non só conseguiron resolver practicamente a débeda herdada, senón que ademais xeran activo en cada curso. O Consello de Administración está cumprindo a machada o modelo de xestión implantado para facer máis grande ao Breo. 

Balance de curso

Un saldo positivo de 700.000 euros

 O club pechará este exercicio de acordo ás contas presentadas e aprobadas na última xunta xeral de accionistas, celebrada o pasado mes de decembro. Sobre un orzamento de 3.487.000 euros, a diferenza entre pagamentos e cobros foi de 708.000, dos que 488.500 destináronse a cumprir co segundo prazo do valor de participación na ACB —ascende a dous millóns— e 220.000 foron para a devolución de préstamos incluídos no plan de viabilidade ideado no 2020 e en gastos financeiros. 

Plan de viabilidade

Ao redor de 200.000 euros pendentes

 Das medidas tomadas nos últimos catro anos, a que mellor reflicte a excelente xestión levada a cabo nas oficinas do Pazo ten que ver co plan de viabilidade proxectado cando este Consello de Administración tomou o mando para cadrar as contas e aliviar os danos colaterais da pandemia. Asináronse distintos créditos, non vinculados a patrocinios, por un importante total de 790.000 euros para liquidar nun lustro e só quedan ao redor de 200.000 euros pendentes. Segundo puido saber La Voz, esta cantidade incluirase no próximo orzamento, así que esa débeda quedará saldada un ano antes do previsto. 

Investimento no persoal

Prevese unha importante subida na nova tempada

 Dos case tres millóns e medio do orzamento para a campaña actual, ao redor de 1.300.000 empregáronse na confección do persoal —uns dous millóns se se inclúen dereitos de imaxe, comisións, staff técmico, seguridade social e demais—. Unha cantidade similar destinouse o curso anterior, mentres que para o próximo está previsto dedicar uns 150.000 euros máis. «Aquí non se malgasta, non gasta un euro máis do que hai», comentaba meses atrás o director xeral do club, Tito Díaz.

 activos

Un millón de euros no depósito da ACB

 Ademais do adianto nos prazos establecidos no plan de viabilidade, outra das xestións que máis enche de orgullo ao Consello de Administración do Breogán é o pagamento da segunda cota do canon da ACB a conta do orzamento. —a da liga 21-22 correu a cargo de varios dos máximos accionistas—. Polo tanto, ese millón de euros xa depositados na Asociación de Clubs de Baloncesto convértese en capital do club porque os recuperaría en caso de descenso á LEB Ouro. A terceira e penúltima cota tamén se incluirá nos gastos anuais do novo orzamento.

 Aforro

Só un reforzo coa liga en marcha e de saldo

 O Breogán logrou a permanencia sen necesidade de levar a cabo un gasto extra para retocar o seu persoal. Tanaskovic chegou coa salvación atada e o investimento compensouse cos descontos aplicados pola Seguridade Social nos xogadores lesionados.