Golpe amais da mesa para empezar

Pablo Abuín

FORZA BREO

Pascu Mendez

01 oct 2022 . Actualizado ás 20:39 h.

Tras unha atípica pretemporada, co equipo sen completar e con problemas físicos desde o inicio, o Río Breogán presentábase en Murcia con moitas incógnitas. O último partido disputado, na fase de clasificación para a BCL, deixaba demasiadas dúbidas entre os afeccionados lucenses. Penso, sinceramente, que se puido competir mellor nese partido pero que o club debe buscar primeiro solidez no proxecto para aspirar a xogar con solvencia a citada competición.

E de súpeto, unha extraordinaria vitoria para comezar que nos fai esquecer o partido de Belgrado e sóbenos de novo á nave da ilusión breoganista. Non é nada doado anular o arsenal ofensivo do Murcia con Davis, Trice (que vén de facer grandes números en Eurocup) ou todo un campión da Euroliga como James Anderson.

Partido a poucos puntos, bo para o Breo. Creo lembrar que o resultado no minuto 25 era 23-25 e ese escenario seguramente é o que buscaba o cadro técnico lucense. Defensa sólida, concedendo poucas canastras doados próximas ao aro. Rebote, dominando claramente ao equipo local. Para anotar, Murcia tíñase que basear no talento de Davis e Trice con tiros de media e longa distancias. É a clave. En ataque o Breo focalizaba o seu xogo nos 2x2 entre Hollatz ou Bamforth con Ethan Happ.

Estivo soberbio o pivote de Illinois, chamado a ser o noso referente interior. Bamforth non sólo anotou para manter ao Breo con vantaxes no partido se non que demostrou a súa experiencia liderando ao equipo en momentos complicados. Pero a guinda púxoa Sergi García. Que xeito de anotar co partido quente. Outro qu, pode ser moi importante esta tempada. Calidade sóbralle.

Non hai tempo para celebrar. O domingo chega Fuenlabrada ao Pazo, rival a priori directo na loita polo noso obxectivo. Gañar sería darlle valor dobre ao conseguido en Murcia, e oxalá sexa cun dos nosos capitáns na pista, Erik Quintela.