O Breogán, mellor con Mrsic en ataque e con Olmos en defensa

I.M.B.

FORZA BREO

ALBERTO LÓPEZ

O equipo lucense gañou os mesmos partidos despois da polémica marcha do técnico valenciano que ata entón

19 may 2022 . Actualizado ás 20:55 h.

En contra do que cabía agardar no seu momento, o desplante que lle fixo Paco Olmos ao Río Breogán, índose ao San Pablo Burgos no ecuador do campionato e coa permanencia ben canalizada, non tivo consecuencias no futuro do club na Liga Endesa. As vitorias foron as mesmas (8) tras a fuga do preparador valenciano que ata entón. Chegou Veljko Mrsic e co seu manual de estilo non só conseguiu manter ao equipo ben afastado do pozo, senón que ademais lle imprimiu un maior dinamismo ofensivo que queda reflectido na comparativa dos números guindados por ambos os técnicos.

Olmos estivo 16 partidos á fronte nos que o Breo cultivou un 50 % de vitorias, ademais de promediar 82,35 puntos a favor e 78 en contra. A porcentaxe de triunfos é lixeiramente inferior o de Mrsic (41 %), que se sentou por primeira vez no banco na cancha do Coosur Betis, despois dun accidentado desembarco en Lugo por culpa do covid, e festexou a vitoria en sete dos 17 partidos dirixidos. O conxunto breoganista mostrouse máis débil en defensa desde a súa chegada —87 puntos en contra de media—, pero compensouno cunha maior forza en ataque, promediado 83,41 puntos por encontro.

Dúas citas con Muñoz e unha con Comas na transición

Paco Olmos e Veljko Mrsic non foron os únicos técnicos que pasaron polo banco breoganista ao longo da tempada. O club, dada a boa posición clasificatoria, decidiu tomarse con calma a procura do substituto de Olmos, e Javi Muñoz, ata entón o seu axudante, fíxose cargo do equipo nos dous encontros consecutivos no Pazo ante o Joventut e o Baskonia. O estratego lucense quedou co mel nos beizos no primeiro (87-90), pero puido celebrar a súa primeira vitoria na ACB como adestrador principal ante o Baskonia (89-83), que ademais supuxo a histórica clasificación para a Copa do Rey .

Oriol Comas foi o outro inquilino do banco celeste. Mrsic, xa fichado, e Javi Muñoz contaxiáronse de covid nos días previos ao derbi galego e tivo que pórse á fronte o terceiro en discordia do corpo técnico no duelo en Fontes do Sar.