Ao Río Breogán abóndalle co Pazo para ser de ACB

Ignacio Meitín Buján
I. MEITÍN BUJÁN LUGO / LA VOZ

FORZA BREO

Carlos Castro

As 12 vitorias en casa, só superadas por catro equipos, chegaríanlle para salvarse a un equipo lucense que acabou no top-10 no 72 % das estatísticas da liga

30 may 2022 . Actualizado ás 19:31 h.

Só catro equipos en foron máis fiables que o Río Breogán xogando ante o seu público na fase regular da Liga Endesa. O equipo lucense sumou 12 vitorias en 17 partidos, que lle abondarían para lograr a permanencia, e esa fortaleza no Pazo foi, sen dúbida, determinante non só para continuar na mellor liga de Europa, senón tamén na súa histórica clasificación para a Copa do Rey e para chegar ao tramo final como candidato a estar nas eliminatorias polo título. O Barça, o Baxi Manresa, o Joventut e o Lenovo Tenerife, que lograron 13 triunfos, foron os conxuntos con mellores resultados en casa que un Breo que na súa gorida cedeu unicamente ante o Real Madrid (71-79), o Joventut (87-90), o Bilbao (86-94), o Zaragoza (82-85) e o Barça (72-74). Esta regularidade en casa contrasta coa súa escasa bagaxe nos partidos en cancha allea, onde só conseguiu gañar ao San Pablo Burgos (62-87), ao Valencia (97-98), ao Andorra (79-86) e ao Gran Canaria (84-86). Pero á marxe desas 12 vitorias no Pazo, hai máis números e razóns do aspecto colectivo para sinalar ao Breo como a sensación da nova entrega da liga regular da ACB.

REGULARIDADE

Non máis de tres derrotas seguidas

 A nova viaxe do Breogán pola elite tres tempadas despois foi moito máis plácido do que cabía agardar. Apenas houbo turbulencias. Os momentos de inquietude foron contados e duraron moi pouco. O primeiro produciuse despois do seu meritorio arranque ligueiro. As derrotas consecutivas ante o Unicaja, o Real Madrid e o Zaragoza foron un serio aviso para un Breo que disipou todas as dúbidas cun par de vitorias de pompa en casa ante o UCAM Murcia e o Gran Canaria. Só unha vez máis se vería nunha situación igual, xa na segunda volta e esta provocada polos tropezos seguidos fronte ao Bilbao, no Pazo, o Baskonia e o UCAM Murcia. A regularidade foi outra das claves principais no éxito da entidade breoganista.

tiros de dous

No podio en canastras e porcentaxe de acerto

 Unicamente o Baxi Manresa meteu máis canastras de dous puntos que o Río Breogán, que converteu 748 —seises menos que os manresanos— nos seus 34 partidos da fase regular. As penetracións de Musa e as xeniais manobras de Mahalbasic na pintura foron fundamentais para subir ao podio —complétao o UCAM Murcia con 739— nunha faceta na que tamén destaca polo seu acerto. O equipo celeste necesitou 1.371 lanzamentos para anotar esas 748 canastras de dous puntos e a súa porcentaxe de éxito (54,6 %) só o superan o Lenovo Tenerife (57,1 %) e o Valencia Basket (54,8 %). O Real Madrid, con 54,4 %, é o cuarto nesta estatística e a continuación aparecen o Obradoiro (54,3 %) e o Barcelona (54,2 %), que foi o líder da fase regular.

anotación

O quinto mellor cunha media de 83,3 puntos

 Entre as virtudes do Breogán no presente curso tamén se inclúe a capacidade anotadora. Acadou a centena na visita do San Pablo Burgos (105-96) e en oito enfrontamentos quedou moi preto: ante o Tenerife (92), o Betis (97), o UCAM Murcia (94), o Fuenlabrada (97), o Manresa (98), o Unicaja (93) e dúas veces ante o Valencia (98 e 99). A súa media de 83,3 puntos sitúano no quinto lugar da estatística por detrás do Baxi Manresa (88,09), o UCAM Murcia (85,29) e os dous grandes da ACB, o Real Madrid (83,53) e o Barcelona (83,32).

outras estatísticas

Moi arriba en rebotes e último en mates e tapóns

 A regularidade do Breo queda claramente reflectida nas 18 estatísticas que recolle a ACB, nas que acabou no top-10 en 13 delas. Ademais de en os tiros de dous, a porcentaxe de acerto nos mesmos e nos puntos totais, tamén o fixo en rebotes totais (5.º), valoración (5.º) rebotes defensivos (6.º), rebotes ofensivos (7.º), asistencias (8.º), recuperacións (6.º), perdas de balón (12.º) —o sétimo mellor—, tiros libres (8.º), faltas recibidas (8.º) e faltas cometidas (13.º) —o sexto mellor—. Non figura entre os 10 primeiros en número de triplos (8,3 de media), acerto desde esa distancia (35,2 %) e puntería nos tiros libres (74,7 %), mentres que en tapóns (2 por encontro) e en mates (1,4) ocupa a última posición.

Consulta aquí todas as estatísticas da ACB