Musa recibiu o MVP da ACB de mans do seu irmán e entre bágoas

FORZA BREO

Carlos Castro / ACB Photo

O xogador do Río Breogán emocionouse coa sorpresa na festa breoganista montada no centro da cidade como broche á tempada

19 may 2022 . Actualizado ás 20:55 h.

Baixo un ceo encapotado que ameazaba con deslucir o acto e máis de medio milleiro de afeccionados breoganistas eufóricos como testemuñas, Dzanan Musa recibiu onte o trofeo MVP Movistar que o acredita como o xogador máis destacado da Liga Endesa na presente tempada. O aleiro bosníaco do Río Breogán recolleu o galardón emocionado pola sorpresa que lle prepararon o club e a ACB coincidindo coa festa urbana montada no Praza de Santa María, en pleno corazón de Lugo, para pór o broche a unha campaña que queda para o recordo. O seu irmán Dzennis veu expresamente desde Bosnia para facerlle entrega do trofeo e ao xogador saltáronselle as bágoas desde o momento en que o viu avanzar polo corredor habilitado entre o xentío. «Lugo xa é a miña casa, nunca esquecerei este ano. Quérovos moito». Estas foron as palabras para a afección da estrela balcánica, que case unha hora despois de rematar a celebración seguía alí atendendo a multitude de peticións dos seus fans. Os seus compañeiros, o corpo técnico e membros do Consello de Administración tamén foron testemuñas do fraternal encontro que non só emocionou aos seus protagonistas.

 A elección de Musa era de agardar. O aleiro do Río Breogán, que un día antes reaparecera cunha exhibición ante o Unicaja tras un mes inactivo por unha fractura na laringe, foi o mellor da fase regular da Liga Endesa en cinco apartados: valoración, cunha media de 23,1 créditos, puntos (20,1), minutos (32), tiros libres (6) e faltas recibidas (6,5). O bosníaco arrasou na votación popular, con case 30.000 apoios e 8.000 máis que o segundo (Shermadini), e os adestradores, os xogadores e os medios de comunicación sucribieron a súa vitoria.