En oito minutos o Breo case arranxa un pésimo encontro

Ricardo Hevia

FORZA BREO

DANIEL MARZO

O 0 de 10 en triplos nos dous primeiros cuartos marcou o camiño da derrota dun equipo descoñecido ata o último período

24 oct 2021 . Actualizado ás 11:51 h.

Perdeu o Río Breogán un partido no que estivo a un pelo de gañar, despois dunha catástrofe de encontro e con só oito minutos de sentido común. E non é un día para prestar demasiada atención nin á táctica nin á formulación. É algo máis profundo e difícil de entender. Quen puido recoñecer naquel equipo precipitado, desordenado e ata egoísta ao Breogán das seis xornadas anteriores? En que lugar do traxecto ata Zaragoza quedaron a orde, a xenerosidade e a boa defensa? Do acerto, pouco que comentar, porque pode suceder nun día no cal non pegas nin a España cando tiras. Pero non esquezamos que moitos lanzamentos foron precipitados, en ataques desordenados infestados de botes para non conseguir nada e escasos de pases. E aquel correcalles tan sorprendente nun equipo ata agora tan ben estruturado?

Non quero dicir, Deus líbreme, que a culpa da derrota é dos árbitros. Xogouse fatal e xa está. Pero en todos os partidos se aprecia un gran cambio na arbitraxe, no uso desordenado e abusivo das mans. Neste encontro non foi unha excepción. En todas as canchas que puidemos ver e entre contactos e lapotes,ao Breogán custáballe moito iniciar os ataques e, como ademais o tiro exterior era unha tragdia, así pasou o que pasou. Tampouco era un día de acertos individualesy en defensa había dous problemas: un creóunolo o Casademont, que estudara moi ben ao Breo; cada vez que o home-balón aragonés recibía esa defensa dobrada que practica o Breogán, quedaba un tirador liberado e así nos fusilaron a triplos: 10 de 23. O seguinte problema, o do xogo interior, estaba a resolvelo Sakho, pero unha vez máis se cargou rapidamente de faltas, algunha máis que dubidosa.

Co terceiro cuarto finalizou aquela agónica travesía. Os últimos 10 minutos foron unha gozada. Aínda que tarde,o Breogán chegara por fin ao Príncipe Felipe . Boa defensa, bo ritmo e acerto no tiro. E non por casualidade, senón porque houbo bos bloqueos, menos botes e bos pases. Estas circunstancias daban centímetrosde vantaxe aos tiradores. Ademais, Bell-Haynes continuaba mandando e Kalinoski executaba.

O final foi o típico dun partido igualado que che toca xogar fóra de casa. «Sigan, sigan, que vale todo».

E regreso ao principio. É moi difícil gañar se só xogas ben oito minutos.