Paco Olmos: «Non podo reprochar nada ao meu equipo»

I.M.B. LUGO / LA VOZ

FORZA BREO

ÓSCAR CELA

O técnico do Breogán declarouse «orgulloso» polo esforzo realizado ante o Madrid

22 oct 2021 . Actualizado ás 21:35 h.

«Sabe mal perder contra un xigante como o Real Madrid cando tes a oportunidade, pero non podo reprochar nada ao equipo. Estou moi orgulloso do esforzo que fixo e da comuñón que hai coa afección e a cidade». É a reflexión que fixo Paco Olmos, adestrador do Río Breogán, para pór o broche á súa intervención ao termo do partido no Pazo.

Para o preparador breoganista, o desenvolvemento do encontro debería ser analizado por partes. «Foi un encontro con varios mini partidos», sinalou antes de comezar o seu relato. «No primeiro cuarto executamos á perfección o plan de partido, evitando coas nosas variantes defensivas que o Real Madrid atopase o seu ritmo. No segundo cuarto habémosnos/habémonos desenganchado pola súa enerxía defensiva e o acerto de Yabusele. Fixemos unha gran defensa dos seus homes interiores, pero el fíxonos moito dano por fóra. A segunda parte foi un cara a cara -continuou dicindo Olmos-, e a diferenza estivo en que eles meteron varios triplos sobre a bucina. E xa no último mini partido, cambiamos a estrutura, igualándolles cun equipo máis grande e volvémonos a meter. Tivemos unha oportunidade con dúas abaixo e posesión para pórnos por diante, pero... Nunca sabes o que tería pasado. Apareceu Llull e leváronllo».

Paco Olmos descarta que a derrota vaia a deixar secuelas anímicas aos seus xogadores. «Seguimos na liña boa. Demos a cara en todos os partidos e xa xogamos co Real Madrid e o Barça, e outros rivais importantes como o Unicaja. Agora toca levantarse, recuperar e pensar xa en partido do próximo sábado, que é moi, moi importante», advertiu o míster celeste.

O cadro lucense desprazarase na sétima xornada do campionato á cancha do Casademont Zaragoza, que xa xogou días atrás o partido que lle correspondía esta fin de semana ante o Barça e é décimo cuarto na clasificación da Liga Endesa cun balance de dous triunfos e catro derrotas.