Tempo de desculpas no Breo

RICARDO HERVIA

FORZA BREO

carlos Castro

Botar a culpa dos erros á parcela deportiva, insinuando que todo o demais se fixo ben, non é o máis xusto

24 may 2019 . Actualizado ás 18:56 h.

Consumado o descenso do Breogán, entramos de cheo en tempo de desculpas. O presidente non sabe aínda se vai continuar, pero ten claro que faltou a faceta deportiva. Faltou ou fallou? Ou as dúas cousas? Despois dun cásting para nomear director deportivo, coma se esta fose unha figura banal, decidiuse que todo queda en casa, e entrou en xogo Quique Fraga. Quen fichaba? Nunca estivo claro Fíxose un bo equipo ou un equipo descompensado? Sacudirse as pulgas non parece agora mesmo o máis adecuado.

Desde o principio parecía claro que Cvetkovic non era un un, e quedou máis que demostrado. O expediente Norel aínda é a día un misterio cheo de fábulas. En anos anteriores xogara o 96 % dos minutos Veu lesionado ou se lesionou aquí? Contarnos agora que nas decisións deportivas non participaba o consello soa a desculpa de pésimo gusto.

Foise Jordan libre como un paxaro sen unha cláusula que dese prioridade ao Breogán. No primeiro parón polas famosas fiestras, despois da amarga derrota ante Zaragoza, non houbo fichaxes. Máis tarde, en dous días, aparecen por Lugo Millsap e Dragicevic, o máis oposto ao perfil de Jordan. Só culpa do director deportivo? Todos lembramos o que achegaron, e un deles o que durou, pero aínda faltaban máis movementos. Non había diñeiro e, como tantas veces, aparece en escena Jesús Lence e move os fíos con aquela frase: «o Breogán non pode baixar». Chegan dúas novas incorporacións, McCallum, o único acerto na desastrosa política de fichaxes, e Ochefu, outro misterio. O único sabido é que chegou a Lugo cunha escordadura; acabou coa ficha desactivada e aínda non sabemos se pola súa edema óseo ou por decisión técnica. Se quen ofreceu o diñeiro levantase a cabeza...

En fin, botar agora a culpa de todos os erros á parcela deportiva, insinuando que todo o demais se fixo ben, soa moi forte. A xestión deportiva, os prazos de Norel, as fichaxes, todo se xestou nun club pouco estruturado e saíu mal. É a realidade. Agora toca pensar no futuro, pero botar as culpas ao máis débil non parece o máis xusto.