O Pazo esixe ao mellor Breogán

I.MEITIÍN BUJÁN

FORZA BREO

ALBERTO LÓPEZ

Tito Díaz insiste na «responsabilidade defensiva» para dobregar ao Unicaja

18 abr 2019 . Actualizado ás 19:23 h.

No Pazo non valen escusas. O Cafés Candeas Breogán reencontrarase o domingo co seu público despois de ter pasado páxina tras o «accidente», como o definiu o seu técnico, na cancha do Estudantes e «moi mentalizado» para dar un paso á fronte no duelo co Unicaja, «o rival máis difícil dos que quedan de pasar por Lugo», sinalou Tito Díaz na rolda de prensa previa ao partido deste domingo (19.30 horas). O estratego lucense confía en que o bochorno no WiZnik Center serviulles de lección aos seus pupilos de cara a unha nova batalla pola permanencia. A chave da salvación está en casa e así o deixou entrever o míster. «As urxencias están claras. Somos un equipo sólido na nosa cancha e gañar fóra neste campionato é tremendamente difícil», afirmou, dando a entender que é unha obrigación sacar adiante os catro compromisos que faltan por disputarse na caldeira lucense.

A fórmula para tombar ao Unicaja está clara. Ou polo menos Tito Díaz parece tela moi clara. O partido gáñase baixo o aro propio. Unha e outra vez insistiu na defensa e pediu ás súas mozos «responsabilidade individual e colectiva» nesa faceta para neutralizar a un Unicaja con moitos xogadores que «son moi bos no tiro exterior». A «paciencia» e a «fortaleza mental» son outros dos ingredientes que, segundo Tito Díaz, deberá botar o Breogán na pócima que multiplique a súa forza e as súas posibilidades de vitoria.

Sobre a reincorporación ao grupo de Dragicevic sinalou que «de momento só está para adestrar, fáltalle ritmo», a Norel descartouno para o que resta de tempada e pechou a súa intervención valorando o cambio de data do partido ante o Tenerife. «Teremos un día menos para preparar o partido ante o Gran Canaria. Preferise que fose o mércores», razoou.