Tito Díaz: «En dous días só durmín cinco horas»

FORZA BREO

cedida

O novo técnico do Breogán só pide á afección que non cambie e ao equipo que borre a imaxe do último partido

20 mares 2019 . Actualizado ás 05:05 h.

O Cafés Candeas Breogán xa ten ao seu particular Zidane en casa, é Tito Díaz, ao que separan moitas cousas do galo, sobre todo que lle ten moito máis apego ao seu Breo co que viviu tantas experiencias, que o francés ao Madrid. O Mestre chega regresa a casa disposto a arrimar o ombro nun momento complicado e a revitalizar a un persoal que di que ten moitas cousas boas, pero á que reclama que dea xa mesmo un paso á fronte para borrar dunha plumada o ridículo do último partido.

-Que supón para vostede chegar ao banco do Breogán?

-En primeiro lugar unha gran alegría como lucense e breoganista que son, pero tamén unha enorme responsabilidade e unha excelente oportunidade profesional.

-Adoptou a decisión de vir con rapidez?

-Por suposto, non hai nada que pensar cando existe a posibilidade de vir a Lugo e o Breogán necesítame. Quero destacar neste caso a valentía dos responsables do equipo por apostar por un técnico que non conta con experiencia na máxima categoría

-Agardaba que lle chamasen tras o cesamento de Lezkano?

-Se son sincero, como técnico sempre pensas que che poden chamar e sabes que é unha posibilidade, pero neste caso non me deu tempo nin a pensalo, xa que aos poucos minutos de coñecer o cesamento do meu predecesor xa me chamaron e polo tanto non tiven nin tempo a pensar en nada.

-Como afronta comezar nunha categoría na que nunca adestrou?

-Teño vantaxes moi grandes como seguir ao Breogán en todos os partidos, coñecer perfectamente ao club, a cidade, o pavillón e os afeccionados. Doutra banda o fin e ao cabo teño sobrada experiencia en Leb Ouro e outras categorías e á fin e ao cabo todo é baloncesto e o cambio máis grande na Liga Endesa é unicamente a repercusión mediática. A nivel profesional é evidente que chegar ao máximo nivel é algo que me fai moita ilusión, pero repito que o traballo é similar ao que se fai noutras categorías.

-Segunda etapa no Breogán e outra vez cunha gran presión?

-O Breogán sempre vive baixo presión, xa que é un equipo que cando está en Leb Ouro é cabeza de León e cando chega á ACB é cola de león. Non é unha presión similar á dos equipos grandes, pero si notable. De todas as maneiras, sen presión non hai baloncesto.

-Que supón que no corpo técnico estean tres adestradores lucenses?

-É para todos unha facilidade enorme para traballar. Coñecémonos e temos unha relación estreita. Ademais está máis que garantida a implicación de todos e cada un sabe perfectamente o que ten que facer. Hai que ter en conta tamén que tanto Javi Muñoz como Pablo Abuín xa estiveron como segundos en ACB, algo importante. Para a xente estou seguro que tamén é un valor engadido importante.

-Porqué considera que sempre se lle esixe máis á xente da casa?

-É verdade que sempre se lles adoita esixir máis ás persoas da casa, pero doutra banda tamén é certo que se presta máis apoio e cariño, así como respaldo cando o necesitan. No que respecta á implicación que adoita ter a xente que asume unha responsabilidade tan grande e bonita como esta abonde o exemplo do que me está ocorrendo a min, que soamente conseguín durmir cinco horas nos dous últimos días.

-Como ve a situación do equipo?

-Agora mesmo o único que vexo no meu horizonte é Fuenlabrada, un partido complicado que temos que afrontar tras unha derrota dura, polo que estou centrado en conseguir que os xogadores reaccionen.

-Como atopou ao equipo?

-Con mostras de reacción e conscientes de que meteron a para no último partido, polo que queren resarcirse diso canto antes. Teñen que demostrar que foi só un accidente puntual.

«Á afección só lle pido que se siga portando como sempre»

Tito Díaz é consciente do pouco tempo do que dispón para corrixir cousas e impor o seu sistema, pero recoñece que o equipo fai moitas cousas ben e polo tanto non terá que cambiar tanto para obter o rendemento que agarda nos once partidos que restan.

-Que precisa corrixir de inmediato?

-O equipo ten que dar un paso adiante desde a defensa e precisamos ter máis comunicación e equilibrio. Hai moitas cousas que se estaban facendo ben, polo que partiremos desa base.

-Dificúltalle as cousas estrearse cun partido decisivo ante un rival directo?

-No meu caso non me resulta agradable falar de finais, xa que se o gañamos non se acaba a situación delicada pola que estamos a pasar e queda moito aínda por facer. Cualificaría este partido como importante, en gran parte tamén por chegar despois dun compromiso no que o equipo deu unha moi mala imaxe e polo imaxe a obrigación dos xogadores é a de dar un paso á fronte e borrala para demostrar que foi un accidente.

-Que lles di aos afeccionados breoganistas?

-A unha afección como a do Breogán, non é necesario dicirlles nada, xa que todos sabemos que son os mellores e que non nos van fallar. O único que lles pido é que se sigan portando como sempre, máis non poden facer.

-Sorprendeulle o cariño e apoio que está a recibir durante estes días?

-Teño que recoñecer que me desbordou por completo. A verdade é que recibín infinidade de apoios e moito cariño xa desde que se comentou a posibilidade de que puidese vir ao equipo. É impresionante o cariño que estou a recibir por parte de moita xente.

-Recuperar a Henk Norel será a clave?

-Non podemos pensar que un xogador que leva 7 meses soportando unha grave lesión e que aínda se está recuperando aos poucos vai ser a solución a curto prazo. Neste caso si agardamos que o que se recupere antes e estea en condicións sexa Dragicevic, que é máis factible que pronto estea connosco e nun estado bo para axudarnos no que resta de liga.

-Como ve o que resta do calendario ata concluír a tempada?

-Insisto en que de momento o único partido que teño marcado en vermello é o de Fuenlabrada, no resto de compromisos e rivais comezarei a pensar cando nos corresponda enfrontarnos con eles. O que teño claro é que somos capaces de gañarlle a calquera como o partido no que o equipo se impuxo a todo un Real Madrid, pero tamén de perder por 35 puntos ante o pechacancelas.