Outro ogro no camiño

Ricardo Hevia

FORZA BREO

VICTOR SALGADO

13 ene 2019 . Actualizado ás 12:29 h.

cabalo de catro vitorias, o Breogán prolonga o seu idilio coa felicidade. Non é doado este rexistro para equipos do seu nivel e moito menos se no camiño che tropezas como un ogro como o Madrid. Escapado momentaneamente da zona de turbulencias e recentemente instalado en parte tranquila, lembremos que non convén vivir sempre nos extremos. Queda moita liga e aínda hai que remar moito para non afogarse. Afróntanse mellor os partidos desde a calma que desde o abafo. Este refacho de vitorias serviu para liquidar en pouco tempo a primeira crise, para ter claro algo que moitos negaban, que este persoal pode xogar perfectamente en ACB. ¡Ai, os analistas que todo o saben! Probablemente o seu senón será loitar a matar neste pelotón entre cinco e seis vitorias para continuar nesta liga, a que realmente lle pertence.

Outro xigante aparece de novo no camiño. Un Barcelona talvez pouco brillante, pero instalado con folgura na cabeza da táboa. Polo seu posto, xa se encargaron de lembrarnos a retahíla de sempre: diferenzas de orzamento, as altas e baixas no persoal azulgrana e tamén de prepararnos o terreo para o máis normal, unha derrota. Eu penso en cambio que en principio é un partido entre dous equipos ACB, que cando Juan Carlos González tire o balón ao aire, ninguén falará de orzamentos. Que o Barça vén dunha semana moi dura, o mércores en Turín e o venres no Palau tivo que traballar arreo para sumar dúas vitorias e que tras un gran esforzo adoita vir un gran relax. Favorito? O Barça, ao Breo tócalle gozar, tranquilo, sen urxencias, manter o nivel de acerto e seguir defendendo.

Hai varios obxectivos á vista. O máis remoto a vitoria, que sería marabillosa, pero non é obrigada. Despois, medir a potencia real do noso xogo interior tras a saída de Jordan; ese xogo interior que ha de manternos durante 19 partidos. Tamén albiscar se o cambio na estatura do equipo vai traer consigo algunha variación táctica. Finalmente, regresar a Lugo con boas sensacións, pouco que perder e moito que gañar? Posiblemente. Pase o que pase, dentro dunha semana, o Pazo volverá rebentar de público e de ilusión.