Os altibaixos non lle abondan ao Breogán en Vitoria

Marta de Dios Crespo
MARTA DE DIOS LUGO / LA VOZ

FORZA BREO

ACB

Caeron os de Lezkano contra o Baskonia (100-78), aínda que no terceiro cuarto chegaron a pórse a cinco

09 dic 2018 . Actualizado ás 22:59 h.

Nova derrota do Breogán. Perderon os de Cafés Candeas en Vitoria ante un Baskonia que pagou os seus momentos de letargo con algunha aproximación celeste inquietante. A cinco chegaron a pórse os de Natxo Lezkano no terceiro cuarto, mellores cando o rival confiaba a dirección do xogo a Granger, pero o equipo de Perasovic non chegou a soltar a presa e rematouna matando por asfixia. Quinta derrota consecutiva do equipo de Lugo, que non conseguiu reaccionar ante un dos líderes da Liga Endesa.

Necesitados chegaban os celestes a Vitoria, con só dous triunfos, pegados todo o máis baixo da táboa. A súa mellor baza, que o CSKA de Moscova centrase demasiadas atencións do Baskonia, coa esperanza de coller ao seu rival a pé cambiado. Non abondou con esa premisa e os vascos non se deixaron ir en casa.

Si saltaron medio durmidos os residentes do Buesa Area. Non o aproveitou o Breogán, que conseguiu manter o ritmo sen descolgarse nos primeiros minutos. Intercambio de golpes e alternancias no marcador, un triplo de Brown replicábao Shields na xogada seguinte. Os lucenses atados polas súas perdas, non puideron sacar punta á modorra dos homes de Perasovic. Unha canastra de Redivo (11-9) e o técnico croata parou o partido. Espabilaron os locais grazas ás rotacións dun e outro equipo, conseguiron irse cinco puntos arriba grazas a un triplo de Voigtmann e unha canastra de Hilliard.

Díaz, Arco, Löfberg, Brown e Sulejmanovic foi o quinteto dos lucenses no segundo parcial. As perdas empezaron a castigarlles con dureza e cando quedaban catro minutos para o descanso, cun parcial de 14-5, Lezkano parou o xogo. Parecía que a reacción non chegaba ao equipo visitante e só as anotacións a contagotas sostiñan a duras penas ao Cafés Candeas.

Moitos problemas de concentración atacaron ao Baskonia tras o descanso. Tantos que os galegos se puxeron a cinco puntos. Os de Perasovic non metían os tiros libres, perdían balóns e xogaban con pouca intensidade. Tampouco Granger facíalles un favor na dirección, con dúbidas guiando aos seus sobre o parqué. Lezkano alternou a zona coa marcaxe individual para o seu defensa e un 2+1 de Löfberg puxo o tenteo 45-40 a metade de parcial. A costa abaixo chegou coas rotacións dos vascos, que subiron unha marcha para chegar ao último parcial cos de Lugo case despachados. 69-51 para encarar a recta final tras dous tiros libres de Diop.

Non deu espazo para a sorpresa o Baskonia que rematou dando minutos ao canteirán Miguel González. Só os triplos do Cafés Candeas evitaron que as diferenzas chegasen ao ruborizo. Tres de Cvetkovic, outro de Brown, Díaz, Vidal e Redivo contribuíron desde máis aló da liña de 6,75. Tiveron que remar sen Jordan nos últimos minutos, que cargado de faltas, acumulou a quinta nun lance contra Shengelia. Apertou ata afogar o equipo de Perasovic, que cun triplo de Vildoza levou o tenteo ata os 100 puntos.

Gerun quedou no banco por problemas de costas durante o quecemento.

Ficha técnica:

Baskonia, 100: Vildoza (7), Janning (8), Shields (6), Shengelia (17) e Diop (20) -quinteto inicial- González (3), Voigtmann (5), Huertas (4), Granger (11), Poirier (4) e Hilliard (15)

Breogán, 78: Cvetkovic (21), Redivo (10), Vidal (5), Brown (12) e Jordan (17) -quinteto inicial- Löfberg (8), Salva Arco, Belemene, Sulejmanovic (2), Díaz (3), Redivo (10)

Parciais: 18-13, 35-15 (43-28 ao descanso) e 26-23, 31-27