Lezkano: «Esta derrota ponnos nunha situación complicada»

Marta de Dios Crespo
MARTA DE DIOS LUGO / LA VOZ

FORZA BREO

Eliseo Trigo

O técnico do Breogán mostrouse contrariado tras ter perdido contra Zaragoza

18 novs 2018 . Actualizado ás 20:06 h.

«Primeira parte igualada, máis ou menos o partido ía por onde queriamos. Chegamos igualados ao descanso e no terceiro cuarto unha boa saída nosa, marchámonos de 15 puntos facendo un moi bo baloncesto, aproveitando as vantaxes que xerabamos para, por fin meter de fóra e a partir de aí conseguir a máxima vantaxe. Eles aos poucos han ir meténdose no partido e chegaron mellor ao final», analizaba Natxo Lezkano tras o duelo contra Zaragoza. Dicía que ao final «tiramos sos e fallamos, talvez tiñamos que ter buscado outras situacións, pero é difícil renunciar a tiros sos e custounos o partido».

Comentaba que é unha derrota «difícil, dura e ponnos nunha situación complicada, imos ver como somos capaces de reaccionar. Hai que mostrar agora personalidade e levantarnos disto porque hoxe era un partido que necesitabamos gañar».

«Sabiamos que eles se ían pechar moito e que nos ían permitir eses tiros, collemos eses tiros, estivemos acertados durante moito tempo, pero ao final, cando tiñamos que meter, fallamos. Non sei cantos tiros sos fallamos cando no outro aro non, estivemos moito mellor», buscaba a explicación ao que podía ter pasado. «Non fomos o suficientemente intensos e duros, non gastamos as faltas que tiñamos que ter gastado para parar a Berhanemeskel e a McCalebb, atopáronse os dous sos e son xogadores de moitísima calidade», argumentaba.

Porfi Fisac, contento

«Agora mesmo hai dúas prazas, como Burgos e Lugo, que son unha gozada polo empurre, polo ambiente e o que moven ao redor. Son canchas quentes», dicía sobre a bancada celeste o técnico rival. Fisac dicía que «a alegría é máxima despois de gañar un partido que tiñas perdido nun momento importante», «eles estaban a xogar fluído ao principio, aínda que o seu grao de acerto non era bo, logo mellorou e nós seguiamos espesos», analizaba.

Explicaba que «final de infarto, os nosos tiros libres entraron e por iso é polo que teñamos sacado o partido cara a adiante» e recoñecía que acadar as cinco vitorias «é unha tranquilidade importante», aínda que comentou que «a liga está máis estraña que nunca» e o abano de equipos para loitar polo descenso hase aberto a oito ou dez equipos.