A breve historia de Tony

Carlos Gegúndez

FORZA BREO

Non dispoñible

05 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Tras a derrota en Murcia, toca pensar no Unicaja, agardemos que o equipo sexa competitivo no Martín Carpena, unha cancha moi difícil. Agora que os lucenses van xogar ante os malagueños, vou rescatar do faiado da miña memoria unha desas historias que escoitei fai algún tempo e que durou só tres partidos, a breve historia de Tony. Empezou nun duelo entre Breogán e Forum e acabou precisamente contra o próximo rival dos celestes. O que vou relatar sucedeu hai case 25 anos. Naquela época os clubs adoitaban realizar varios cambios de xogadores ao longo de toda a tempada. Era algo habitual, e o Breo non quedaba atrás, os cambios afectaban aos extracomunitarios e o máis frecuente era cambiar a un americano por outro. Corría a tempada 93-94 e os breoganistas tiveron que pelexar duro por manter a categoría. Foi un ano moi complicado, irregular e con lesionados. Aquel equipo adestrado por Andreu Casadevall conseguiría a permanencia na antepenúltima xornada, pero non resultou nada sinxelo, 10 vitorias conseguidas ese curso (tres por un só punto). En metade da tempada, o club que xa fixera varios cambios, despois de solicitar informes volveu acudir ao mercado para reforzarse. Decidiuse incorporar a un xogador chamado Tony Martin. Debutou en casa ante o Forum Valladolid , entón adestrado por Monsalve e tivo unha actuación discreta, a semana seguinte en León non mellorou e ante Unicaja no Pazo estivo desastroso (en 16 minutos, tres de valoración). ¡Miúda fichaxe! Marchouse por onde viñera. Algo fallara e sóubeno anos máis tarde. Recordo a Casadevall relatando en clave humorística ?seguro que no seu día non lle fixo graza? o que sucedera: «Trouxéronme ao que non era. Había oito ou 10 co mesmo nome e equivocáronse». Incluso un colega seu, cando viu ao xogador díxolle: «Oe, este non é polo que me preguntaches», ao que o técnico catalán contesto: «A min vasmo a dicir». Con todo, aquela equivocación rematou sendo un acertado erro, se se me permite a contradición lingüística, posto que o substituto de Martin foi un tal Tanoka Beard, un magnífico xogador, pero esa é outra historia que tamén merece a pena contar, queda para outro día. Comprométome. Só podo acabar cun verbo en tempo futuro e modo imperfecto. Continuará.