O Breogán estrélase en Burgos

Marta de Dios Crespo
MARTA DE DIOS LUGO / LA VOZ

FORZA BREO

LIGA ENDESA

Os de Natxo Lezkano pagaron a falta de intensidade defensiva contra os de Diego Epifanio, que lles afogaron no primeiro cuarto

20 oct 2018 . Actualizado ás 20:30 h.

Derrota en Burgos. O Breogán foi incapaz de imporse na cancha do Coliseum, con problemas alarmantes en defensa e pouca efectividade en ataque. O grupo castelán fíxose pronto coa primeira vantaxe, afogou no primeiro cuarto e abondoulle con manter as distancias o resto do partido. Os de Lugo seguen sen saber o que é gañar fóra de casa, aínda que terán agora dous partidos seguidos como local para reporse.

Pagou o Breogán a súa falta de intensidade nos primeiros minutos. Os homes de Epifanio cansáronse de facer bandexas, penetrando na defensa visitante como o coitelo na manteiga. Tamén lles entraba todo de fóra. Lezkano non atopaba solucións e Burgos íase ao segundo cuarto 12 puntos arriba.

Unha zona 2-3 pintaban os celestes, hoxe co equipamento negro, ao comezo do segundo cuarto. Buscaban retardar o partido e xogar amodo. Ao equipo lucense seguíalle faltando agresividade e acerto sobre o parqué, mantiñan mediado o segundo cuarto un acerto inferior ao 15%. Vidal mandou ao equipo ao descanso cun saque de fondo de lado a lado da cancha para atopar a Redivo, o arxentino puxo o 47-34 no marcador.

Guiados por Redivo en ataque, pero coas mesmas debilidades en defensa empezou a segunda parte.Mantiña á boia o arxentino ao Cafés Candeas, con problemas no rebote defensivo. Burgos tamén fallaba, pero o Breogán era incapaz de aproveitar os seus erros para meterse no partido. Lezkano usou a Vidal de base para tratar de tapar a fuga en defensa e insistiu coa zona. Mantíñanse os lucenses nunha pinza entre os 10 e os 13 puntos.

O último cuarto foi unha costa abaixo. Vidal, Kinsey, Löfberg, Belemene e Gerun empezaron sobre o parqué, aínda que o técnico vasco non tardou en sacar a Redivo. Por momentos parecía que os visitantes gañaban en intensidade, pero a falta de acerto, a confianza do seu rival e o tempo en contra foron un cóctel demasiado potente que levou a diferenza ata os 16 puntos.

Ficha técnica:

Bugos, 92: Fitipaldo (12), Fraizer (13), Thompson (17), Huskic (6) e Cancar (9) -quinteto inicial- Barreira (8), Vega (2), Jamaraz (7), Kravtsov (8), Radoncic (10)

Breogán, 76: Cvetkovic (7), Vidal (4), Redivo (17), Brown e Jordan (13) -quinteto inicial- Kinsey (9), Löfberg (4), Belemene (4), Sulejmanovic (6), Díaz (4), Gerun (8)

Parciais: 26-14, 21-20 (47-34 ao descanso) e 19-19, 26-23