Secarse as bágoas e á lea

Ricardo Hevia

FORZA BREO

07 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Se lle pediamos ao Breogán ser atrevido, obrigar a que partise e pelexalo, cumpriuno con fartura. Unha pena ese mal fario que parece instalarse no seu interior. Cando finalizará o período de contratempos? Se todas as lesións doen, a de Brown en Santa Cruz foi unha puñalada auténtica. Estaba sendo o xogador do partido e a súa marcha cambiou a paisaxe dun choque que se fixo tan longo como supuñamos. Os escépticos terán comprobado, con todo, que este persoal e este equipo poden transitar en ACB sen medo.

Este mediodía, cambio de illa e de cancha. Non están as cousas moi tranquilas nas Palmas, un amigo dicíame que non gañaran nin ao Tacoronte. Fiel reflexo do malestar dunha afección acostumada a mirar cara arriba e ao crecemento, pero intranquila desde a pretemporada. Pouco máis de 4.000 espectadores no xigantesco Area falan por se sos. Nada disto vai favorecer ao Breogán, ao contrario, o partido será agre, moi físico e cunha carga ambiental moi forte. Haberá que estar atentos ao tiro de tres, todos os equipos de Salva Maldonado son especialistas. Ante o Obradoiro lanzaron 39 triplos, é certo que houbo prórroga, pero... Haberá que volver ser valentes e atrevidos e moi competitivos cando o Granca e o público esmaguen. E esquecerse dos caídos. Nas mans dos sans está o partido. Ninguén nega que a sorte, ata o momento, pasou de longo polo Pazo, pero de chorar non sacaremos ningún beneficio.