O novo Nissan Juke xa se deixa ver en Galicia

J. A.

FIRMAS

BASILIO BELLO

Antamotor desvelou o modelo 2020 na inauguración das súas instalacións en Carballo

25 oct 2019 . Actualizado ás 11:50 h.

O Nissan Juke apareceu no 2010 e sorprendeu desde o primeiro momento polo seu deseño radical e sen concesións: un «crossover cupé» cun frontal e unha traseira tan deportivos como musculosos. Agora chega a segunda xeración, que crece en tamaño e equipamento pero mantén os acenos de identidade dun dos automóbiles máis persoais do mercado. En Galicia xa se pode ver grazas ao concesionario Antamotor, que o levou á inauguración das súas novas e modernas instalacións en Carballo, do grupo Dimolk.

Cun deseño exterior deportivo e compacto e un interior elegante e espazoso, o novo Juke convértese ademais no Nissan máis conectado da historia: incorpora a última tecnoloxía de conectividad Apple Car Play e Android Auto e a aplicación APP Nissan Connect, que permite ao usurario seguir conectado ao coche desde o seu móbil, mesmo desde casa con Google Home.

Christian Costaganna, director Xeral da área de Vendas de Nissan Iberia declarou no evento que este modelo «foi o pioneiro e redefiniu o sector dos crossovers compactos fai nove anos, achegándolles máis personalidade, mellor rendemento e tecnoloxías revolucionarias. Agora supón un novo estándar de deseño, que dispón das tecnoloxías máis avanzadas dando resposta ás necesidades dos condutores, como Nissan ProPILOT, o primeiro paso á mobilidade autónoma, que ofrece dirección, aceleración e freada asistidas electrónicamente».

De momento pódese pedir cunha soa motorización de gasolina de 117 cabalos, con caixa de cambios manual ou automática e en versións que parten por baixo dos 20.000 euros. Ademais dun maior espazo para os pasaxeiros e un interior redeseñado, o maleteiro creceu notablemente ata os 422 litros.