Unha fiestra con 16.000 curiosos

VALDOVIÑO

A Pasada

A dona da casa rural cedeirense da Pasada, María Lijó, atrae coas súas fotos de Facebook a gran parte dos seus hóspedes

17 oct 2018 . Actualizado ás 07:56 h.

O que tamén son unha pasada son as súas fotos. Isto é o que pensarán, seguramente, os máis de 16.300 seguidores que ten a páxina de Facebook da casa rural da Pasada. Detrás das instantáneas está María Lijó Barros (A Coruña, 47 anos), propietaria da vivenda e guía oficial de Galicia, ademais da súa irmá Paca, que lle bota un cable. A cedeirense de adopción converteuse nunha trotamundos da comarca. Non hai recuncho que se lle escape e os curiosos agradécenllo, ademais de en forma de gústame, converténdose en hóspedes. De feito, a rede social converteuse na súa segunda forma de atraer visitantes, por detrás de Booking, onde loce unha valoración de sobresaliente. «Pode asegurar que todos os clientes que tiven na ponte do Pilar son de Facebook», apunta María.

A Pasada

Cal é a fórmula secreta? «A constancia. Non parar nin un día, aínda que haxa vento, choiva ou neve. E se non hai nada interesante na paisaxe, buscalo na comida ou nos visitantes da casa». Desta forma, desde que abriu a páxina fai seis anos sumou máis de 5.000 fotografías, entre as que destacan as paisaxes da costa desde Viveiro ata A Coruña, o seu terreo de traballo. Un radio de acción que ten sentido, porque eses dous puntos quedan a aproximadamente unha hora da casa rural, polo que son lugares de referencia para que os seus hóspedes poidan trazar un plan. «Fágoo por gusto, non é ningunha obrigación», deixa claro.

María asegura que se algún día se atrasa unha publicación, a xente «bótaa de menos»: «Mándanme unha mensaxe, porque teñen como rutina que entre as nove e as dez da mañá vai haber un amencer ou algo». Case todas as fotos son do mesmo día, aínda que tamén as programa. «Se algún día estou máis libre na casa, fago un intensivo, con moitas fotos, e así as teño gardadas na recámara para cando non quero saír», detalla, aínda que nas postas de sol intenta non fallar nunca. «O que non me gusta, non o publicito, aínda que puidese ser atractivo. Recoñezo que non debería ser así», sorrí María.

A Pasada

O que non entende, iso si, é que non exista apenas promoción de moitos dos recunchos que mostra. Cita como exemplos as fervenzas do río Belelle e a de Augas Caídas no río Sor. «Paréceme incrible que a xente non teña apenas información destes dous sitios. As fervenzas son unha marabilla e a maioría non teñen promoción. Se alguén non se molesta, ninguén sabe que existen, están moi pouco aproveitados. Como é posible que non se saiba todo o que hai no río Sor?», pregúntase a guía turística. 

«Ten que vir máis xente»

Ademais, María sitúase entre os que queren facer visible a zona, lonxe daqueles que queren escondela ao resto do mundo. «Ten que vir moita máis xente. Estou en contra daqueles que queren gardar estes recunchos como un segredo», abunda. Explica que, por exemplo, «non é verdade» que haxa grandes colas no banco de Loiba: «Hei ir por activa e por pasiva a calquera hora do día todos os meses do ano, e iso só pode ocorrer un día puntual». «É que por exemplo de aquí só se fala de San Andrés de Teixido ou Loiba, pero nada da capela do Portiño (Valdoviño), que é incrible», conclúe, con ganas de seguir abrindo a súa fiestra.

Un top-3 de recunchos moi particular

Como María Lijó coñece tanto a zona na que traballa, pode permitirse un top-3 de recunchos moi particular. A propietaria da casa rural da Pasada queda coa posta de sol desde a ermida de San Antonio de Corveiro (Cedeira); pasear durante o día polo cabo Ortegal; e descubrir a zona de Ponche Segade (O Vicedo) no río Sor. Está claro que o seu hóspedes llo aprenderon.