«Os nenos deben formarse na súa contorna, rural ou urbano»

ANA F. CUBA NARÓN / LA VOZ

VALDOVIÑO

JOSE PARDO

Eva María Bouza, directora do CEIP A Gándara, de Narón, destaca que hoxe, «todos os alumnos teñen móbil e Internet, e ven as mesmas series de televisión»

23 ene 2019 . Actualizado ás 20:41 h.

Eva María Bouza (Ares, 1962) leva 34 anos de docente e acaba de iniciar o seu quinto curso no CEIP A Gándara (Narón), onde compaxina labores de dirección, tutoría e dinamización da lectura na biblioteca. Aquí son uns 470 alumnos, pero antes traballou en centros pequenos, como o Colexio Rural Agrupado de Valdoviño ou o CEIP Os Casais, de Maniños (Fene).

-A tecnoloxía contribuíu a igualar os colexios rurais cos urbanos?

-Todas as escolas rurais están dotadas con lousas dixitais e computadores, e nós temos equipos, proxectores, pero non todas as aulas teñen lousa dixital.

-É grande o cambio dun centro pequeno a un como o da Gándara?

-Si, moi grande, cando cheguei a aquí viña de Maniños, acostumada a clases de dez ou quince nenos, e aquí temos 25 ou 26.

-Clases de só dez alumnos...

-Si, iso permíteche facer miles de cousas, aínda que ten as súas complicacións. Cando estás nunha unitaria, con nenos de distintos niveis mesturados, atópasche un pouco illada; agora teñen profesores de apoio e especialistas, pero antes estabas soa e non sabías a quen recorrer se xurdía un problema, se se lesiona un neno, non tes con quen deixar aos demais.

-Que vantaxes ten un «macrocole»?

-Tes un equipo forte de profesorado (na Gándara son 32), compañeiros do mesmo nivel cos que podes programar e colaborar, hai especialistas de todo, docentes de apoio para nenos con problemas... Todo no mesmo centro, e se tes calquera contratempo séntesche máis arroupada. Iso si, aquí os horarios son estritos, e nunha unitaria adáptalos ao gusto dos nenos, sales a ver como cambian as árbores no outono, á casa do veciño onde naceron cachorritos...

-Varía a actitude dos nenos?

-Agora non, porque todo está máis unificado e os nenos teñen móbil e Internet, e ven as mesmas series de televisión. Si hai diferenzas polo nivel económico ou cultural das familias, pero en xeral, as últimas xeracións veñen moi estimuladas e non teñen medo a nada.

-E a dos pais?

-Atopei de todo en todos lados.

-Onde querería que se formase o seu fillo?

-Na súa contorna, no seu barrio, onde están os seus amigos, porque o colexio é unha referencia para socializarse. O cole tense que implicar coas familias e coa contorna, tanto se é rural como urbano.