Música nos xardíns

PONTEDEUME

CEDIDA

Patrimonio natural e cultural

23 jul 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A artista eumesa María López, máis coñecida como María Faltri, retornou por uns días a casa. Afirma que ten moi claro, e máis nestes tempos de pandemia, que «una das mellores cousas é veranear onde están as nosas orixes», e que mellor que en Pontedeume, «descubrindo todo o que tes ao teu ao redor e tratando de espremer cada momento na contorna coa familia». Así que espontaneamente, á tardiña do pasado mércores, ocorréuselle convocar a familias veciñas e amigas a pasear baixo as árbores para compartir e gozar a contorna transmitindo a importancia do patrimonio natural e cultural nun marabilloso marco da vila dos Andrade como os xardíns de Lombardero, xusto ao lado do torreón. Así que coa súa guitarra creou un espazo sonoro, arroupada nas percusións e coros por Manuel e Inés interpretando un repertorio orixinal que falaba de árbores, raíces, follas e da conexión coa natureza e deixándose levar pola contemplación dos belos exemplares arbóreos do parque eumés, reivindicando ademais a importancia de preservar e protexer os pulmóns de pobos e cidades, máis neste tempo no que buscamos evadirnos e apreciar máis o natural. Foi un bonito modo de gozar dun máxico recuncho de Pontedeume gozando das melodías interpretadas por esta integrante do grupo Faltriqueira, que aproveitou para cargar as pilas no seu querido Pontedeume e ofrecer aos asistentes unha sorpresa musical.