«É bárbaro que poidas moverche polo centro sen tráfico»

Carla Elías Martínez
CARLA ELÍAS PONTEDEUME / LA VOZ

PONTEDEUME

JOSE PARDO

As maiores críticas á peonalización do casco eumés, que cumpre dez anos, son polo aparcadoiro en época estival

19 novs 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Poucas voces soan discordantes en Pontedeume contra a peonalización da zona vella. Hai unha década finalizaba a instalación dos pivotes que cortan o acceso rodado ás rúas Couceiro Freijomil, Real, da Igrexa, Ferreiros, San Agustín e Santiago. «Estas rúas do centro de Pontedeume non son para que circulen os coches, aínda que agora algúns pasan igual. O maior cambio foi que antes aparcaban por aquí», comenta Marga Sardiña É propietaria da zapatería Calzados Camiño xunto coa súa irmá Adelaida Sardiña. O negocio leva máis de oitenta anos na zona agora peonil e elas son a terceira xeración da familia a cargo de a tenda. «Os transportistas teñen na zona para carga e descarga. Nós estamos moi ben situadas para iso», explican.

Os colectivos implicados nesta medida destacan o ben organizado que está para que non se produzan problemas. «Hai ao redor sitios reservados para os transportistas, está ben organizado. Non respectan moito os coches o sitio, pero bo», indica Javier Leira, responsable do bar A Cociña. «Levamos aquí 25 anos. Cando se tomou a medida non houbo ningunha polémica. É bo que se fixo peonil, axuda moito», recoñece. Como hostaleiro a maior vantaxe da peonalización é o plus de poder instalar a terraza. «Énchese tanto no verán como no inverno, dá vidilla, é cómodo para as mamás, é un sitio de lecer...», destaca. Cre que esta medida non xera ningún inconveniente, «eu non lle vexo ningún».

Adelaida Sardiña, ademais de comerciante, tamén é veciña do centro. «Estou a favor, tanto como comerciante como veciña. O mellor é que non hai tanto ruído de coche, sobre todo polas noites», apunta. Mercedes Rodríguez, leva máis de trinta anos vivindo na vila dos Andrade e tamén defende a ausencia de tráfico nestas rúas. «Isto é bárbaro, o que poidas moverche pola vila sen ter problemas de tráfico é unha marabilla. Como viandante non teño problema ningún».

A Cristina Fernández cambioulle a vida hai dous meses cando naceu o seu fillo. Agora percorre a zona vella cun carriño polo que a peonalización é para ela se cabe máis importante porque residen no mesmo centro. «É unha ventaxa, estou a favor. Ou maior problema para vos que vivimos é aparcar, pero bo, creo que temos que entender que non podemos aparcar pegados á porta», indica. O aparcadoiro sitúao na outra cara da modena. «É complicado, sobre todo en verán que non pódese aparcar. Pero ten outras ventaxas, poder saír e gozar do pobo camiñando», agradece.

Outro dos colectivos máis afectados é o dos taxistas, que salvo excepcións non poden acceder a estas rúas. O taxista Moncho Río leva case corenta anos traballando co seu coche. «Ten que haber unha orde para que a xente que vive dentro do casco poida acceder, do mesmo xeito que os coches que veñan fornecer mercancía», recoñece. Explica no seu caso que nunca tivo ningún inconveniente para levar á súa casa a persoas maiores ou con mobilidade reducida. «Se teño que acceder con alguén con minusvalía ou a recollelo, sempre pedín permiso á Policía Local e nunca tiven ningún problema. Está ben organizado. Eu non podo chegar e pasar», detalla. Recalca tamén como punto a favor a localización da parada de taxis. «Está nun sitio ideal, sobre todo para a xente que vén coa compra. No inverno, nos soportais, é un bo acubillo para os días que chove, para acceder ao taxi e sen ningún tipo de perigo porque non está na rúa», sinala. Coincide en que non atopa «ningún punto malo á peonalización, nun centro histórico como o de Pontedeume no que as rúas son moi angostas non é normal que circulasen coches, soamente para casos de necesidade».

Sen multas

Desde a Policía Local eumesa explican que os veciños con problema de mobilidade dispoñen xa do seu propio mando para abrir e baixar os pivotes que cortan o acceso rodado a estas rúas. E confirman, no entanto, que se alguén necesita entrar por algunha cuestión de urxencia deben chamar aos axentes. «Funciona moi ben, a xente respecta as zonas nas que se pode acceder», recalcan. E engaden que non teñen que pór multas por problemas nesta zona. «Hai máis problemas nalgúns puntos que a xente non respecta as prazas para minusválidos», indican.