Gañou Pedro

Manuel Couce DESDE A ALAMEDA

PONTEDEUME

28 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Gañou Pedro, e sobre esa pedra terá que levantar un PSOE en malas condicións porque no seu día chegou á política un terremoto que sacudiu o bipartidismo. Refírome a Cidadáns e Podemos, que produciron un derrubamento moi serio nos dous tradicionais partidos. Para os socialistas foi de tal calibre que levou de malo xeito ao seu secretario xeral, Pedro Sánchez, ao que os seus, de forma chafalleira, obrigaron a dimitir nunha confabulación na que lle deixaron en minoría na dirección do partido, e nun Comité Federal que pasará á historia pola fobia antipolítica de militantes en desacordo, pero focalizados desde Andalucía.

Convertido o terremoto en maremoto nomearon unha comisión xestora que se encargaría de convocar eleccións a secretario xeral e o congreso do partido. Como se sabe, presentáronse tres candidatos que percorreron España por arriba e por abaixo. Pedro Sánchez denunciou esta situación e o apoio da xestora aos populares para que seguisen no Goberno, rodeados de corrupción por todas partes. Lembrou que isto non o fixo o Partido Socialista en máis de 140 anos de historia. Susana Díaz tardou en baixar á area política e baseou a súa campaña na perda de eleccións de Pedro Sánchez. Cóntanme que en Sevilla colocou uns carteis nos que aparecía ela e dicían: «Eu, con Susana». Ou sexa, Susana contaba con Susana. A aparición de Patxi López en campaña foi seguida con interese, pois mentres os seus adversarios falaban para o seu militantes, el dirixíase aos españois, ata que Pedro e Susana sacaban os carros de combate. En Galicia os militantes estiveron de oíntes. Non atraeu a mercancía intelectual dos candidatos. O máis histriónico foi Abel Caballero, que presentou a Susana como un produto Pantoja, pois segundo el era a mellor. Nesta comarca as agrupacións socialistas perderon as súas sólidas raíces e os militantes parecen ser de ideas extraviadas, salvo os alcaldes das Pontes, Pontedeume e Valdoviño, que tiñan a papeleta de Pedro Sánchez aparafusada. En suma, por estas latitudes estamos ante un partido literalmente desensamblado. Agardemos que despois do congreso apareza quen o ensamble, e ata entón, como me dixo un militante: Imos levarnos ben... En todo o que haxa que levar.