Adxudicadas as obras de mellora do viario entre Ortigueira e a AG-64 por 5,3 millóns de euros

La Voz FERROL

ORTIGUEIRA

A primeira fase do proxecto actuará en vinte quilómetros da AC-862

25 sep 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

En novembro arrincará a primeira fase do proxecto de mellora da capacidade e seguridade viaria na estrada AC-862, que conecta a autovía Ferrol-Vilalba (AG-64) con Ortigueira. É a previsión da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que acaba de adxudicar as obras á unión temporal de empresas F. Gómez Vázquez e Reino-José Non Mantiñán por 5,3 millóns de euros e cun prazo de execución de 18 meses.

Contémplase actuar en preto de vinte quilómetros desde o punto quilométrico 17+500. En concreto rectificaranse curvas e ampliarase a calzada cun terceiro carril de adiantamento ao longo de 3,8 quilómetros, ademais de mellorar o carril adicional existente en sentido a Ferrol. «As principais actuacións proxectadas son a corrección de trazados nos treitos curvos, mellora e redeseño das interseccións, o encaixe e dimensionamento de carrís lentos, a revisión e acondicionamento da sinalización vertical e horizontal e a análise dos xiros á esquerda e da seguridade viaria», explican desde a Consellería.