Sete concellos e 108 lugares de interese xeolóxico, a maioría en zonas protexidas

A. F. C. FERROL / LA VOZ

ORTIGUEIRA

Canosa recoñece que a puntuación en canto á importancia xeolóxica do territorio é moi boa

14 sep 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

No plan director do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal figuran os 108 lugares de interese xeolóxico dos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, os sete concellos que forman parte desta iniciativa. Na memoria remitida ao Comité Nacional de Geoparques Mundiais da Unesco inclúese a relación completa, cunha breve descrición e unha valoración do seu interese científico, didáctico e turístico. Ademais da figura de protección, que existe en máis de 80 dos puntos.

Boa parte do territorio que abarca este proxecto forma parte da Zona de Especial Conservación (ZEC) Costa Ártabra; a ZEC Ortigueira-Mera, a Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA) da ría de Ortigueira e Ladrido, e o Convenio de Ramsar (de protección internacional dos humidais); a ZEC Costa Ártabra, a ZEPA Costa de Ferrolterra-Valdoviño e o Convenio de Ramsar; a ZEC Xuvia-Castro ou a ZEC Estaca de Bares.

Na relación aparece toda a contorna do cabo Ortegal, cos illotes dos Aguillóns e a punta e os cantís do Limo; os cantís de Vixía Herbeira ou a praia de Teixidelo, a única de area negra non volcánica da Terra; Vilarrube, a praia de Pantín ou a lagoa da Frouxeira; fállaa das Pontes-Pedroso, o val do río Castro, as canteiras de Lamas, Penas Albas, Caleira e Ferrerías; as minas Piquito, da Barqueira e Corvelle; os macizos do Ermo, dous Penidos e Ladrido; ou a praia de Picón.

Francisco Canosa, coordinador do proxecto, insiste en que «a cousa vai ben, pero aínda hai no que traballar, xa que a Unesco valora moito a parte social, a implicación do territorio, e algo menos a científica [...]. Respecto á importancia xeolóxica da zona imos moi ben puntuados».