O mozo ortegano Martín Cal Mouriño deseñará o cartel do Mundo Celta

A. CUBA ORTIGUEIRA / LA VOZ

ORTIGUEIRA

CEDIDA

O artista asegura que xa ten clara a idea, «algo orixinal, moi diferente ao que se fixo ata agora»

19 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Martín Cal Mouriño (Laxás-Luía, 24 anos) será o autor do cartel do Festival Internacional do Mundo Celta de 2020. Este mozo ortegano, policromador e dorador, e escultor aplicado ao espectáculo, foi o elixido polo Concello de Ortigueira, que organiza o evento musical. O deseño deste ano asinouno outro ortegano, Cristian Fojón Caruncho, de Couzadoiro. «Paréceme un idea moi boa que quede entre os artistas locais, é unha oportunidade e axúdanos a darnos a coñecer», agradece Cal Mouriño.

A idea xa a ten clara. «Queda traballar para presentar varias propostas en decembro. O principal é representar ás nacións celtas e que o que vexas reflectido xéreche unha incerteza sobre o sitio e atráiache para vir descubrilo», comenta. De neno lembra «esa marabunta de xente» que lle segue fascinando, e desde os 16 anos viviu o festival no Bodegón 90: «Ata o ano pasado; foi o meu primeiro festival sen traballar, pero detrás da barra coñeces a moita xente e tamén gozas do ambiente». Quere crear «algo orixinal, moi diferente ao que se fixo ata agora», con colaboración das deseñadoras gráficas de Vira-Vira Estudo, da Coruña, onde reside.

O concelleiro Anxo Lozano Novás, responsable da organización do Mundo Celta , incide en a idea de potenciar o talento local: «É xente deica que sabe o que significa o festival, o sentimento que esperta no pobo, e sábeo plasmar con calidade». Avanza, doutra banda, que en xaneiro, ademais de dar a coñecer os cabezas de cartel do festival, en Fitur (Feira Internacional de Turismo de Madrid), intentarán presentar o deseño das camisetas da edición de 2020.