Dous feridos nunha colisión entre  motos en Ortigueira

La Voz ORTIGUEIRA

ORTIGUEIRA

Jorge Sarmiento Calvo

Foron trasladados en ambulancia ao hospital de Ferrol

21 jul 2019 . Actualizado ás 20:23 h.

Dous homes de mediana idade resultaron feridos este mediodía nunha colisión entre dúas motos rexistrada na parroquia de Mera de Riba. O suceso tivo lugar na AC 862 - a estrada que vai desde Ferrol a Ortigueira-  ao redor das 12.45 horas.

Urxencias médicas alertou ao 112 Galicia do suceso, que tivo lugar xunto a un antigo club, situado na Curva do Cuco, ata onde se desprazaron efectivos do GES de Ortigueira e varias patrullas da Garda Civil de Tráfico.

A moto que circulaba en sentido Ferrol invadiu o carril contrario, levándose por diante á que ía sentido oposto. Tras o choque, os motoristas quedaron tendidos sobre o asfalto. En principio, ambos sufrían politraumatismos e un deles tiña polo menos unha perna rota. Un helicóptero medicalizado trasladouse á zona, aínda que finalmente os feridos foron trasladados en senllas ambulancias ata o hospital Arquitecto Marcide. 

Durante varias horas foi preciso regular o tráfico no punto do accidente, ata que se procedeu a retirar os vehículo implicados e limpar a calzada.