Ortigueira marcha ao son das gaitas

A. F. C. ORTIGUEIRA / LA VOZ

ORTIGUEIRA

Uns 400 músicos galegos, astures, bretóns, escoceses e portugueses desfilaron aclamados polo público na despedida do festival máis multitudinario en anos

14 jul 2019 . Actualizado ás 20:10 h.

Desde A Cabana do Fos, na praia de Morouzos, a Casa Giz, en Cuíña. A corrente do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira acádao todo, máis este ano, o 41 (contando desde a fundación, en 1978) ou o 35 (por edicións, dado o parón entre os 80 e os 90), cunha marea de folkies , que por momentos pareceu un tsunami. «Volvo por todo, a organización, a tranquilidade... Non é como os demais festivais, hai unha conexión coa natureza e a música celta, un ambiente limpo, ecolóxico». Pablo, madrileño, sucumbiu fai catro anos, sen remedio.

No desfile de bandas das nacións celtas conviven as dúas caras do Mundo Celta , os folkies -moitos xa de retirada, onte- e os veciños, público fiel dos gaiteiros a mañá do domingo, desde a Alameda ata o Cantón, onde conclúe tras percorrer a avenida Escola de Gaitas e subir pola Penela. «Isto xa hai moitos anos que é unha tradición, é algo noso, é a nosa historia», apuntaba Isabel, que viviu o festival desde nena e lembra a Xavier Garrote, que presidía a Escola de Gaitas en 1978 e promoveu o festival, co resto de integrantes da directiva.

Esta edición hase vivido con intensidade en todas as frontes. No piñeiral, «con xente moi nova, moi educada e agradecida polo traballo», como apunta un empregado do servizo municipal de limpeza, clave estes días en Ortigueira. E na zona de concertos, coas terrazas ateigadas. No Caracas, un clásico, e no pub Paralaia, aberto desde o 1 de xullo de 2016 e referente xa para os amantes do folk, créanse outros dous escenarios paralelos. Natalia, compostelá, resúmeo así: «Neste festival todo flúe».