Nove concellos implicáronse no programa provincial para previr a violencia machista

LA VOZ CEDEIRA

ORTIGUEIRA

CEDIDA

A iniciativa da Deputación incluíu un concurso de relatos entre escolares e unha curtametraxe, que verá a luz en xullo

12 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Das 73 persoas que participaron nos encontros coas familias do programa socioeducativo de prevención da violencia machista Suprime ou control, o 84 % son mulleres. A esta iniciativa da Deputación da Coruña sumáronse nove concellos da comarca: Ares, Cariño, Cedeira, Fene, Mugardos, Neda, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño.

Nas sesións, os pais adquiriron pautas para detectar e afrontar relacións tóxicas en parellas adolescentes, derivadas de condutas controladoras. Pero o programa Suprime ou control tamén se achegou aos alumnos de 3.º e 4.º de ESO, a través de talleres de coeducación e dun concurso de microrrelatos titulado Oprímese, Suprime. O texto gañador foi redactado por alumnos do CPI Atios, de Valdoviño, e versa sobre «a diversidade afectivo sexual e a falta de comprensión que, en ocasións, aínda se encontra na sociedade».

O certame de relatos tamén deu pé á gravación dunha curtametraxe, que verá a luz no mes de xullo. Desde a área de Igualdade e Servizos Sociais da Deputación destacan a importancia das actuacións para «concienciar e previr a violencia machista».