Emilio Grandío: «No Ortegal as fosas seguen onde estaban»

A. CUBA ORTIGUEIRA

ORTIGUEIRA

SANDRA ALONSO

Emilio Grandío, historiador, falará da represión a concelleiros e alcaldes da comarca no 36, hoxe no Teatro de Beneficencia de Ortigueira

22 mares 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A familia de Emilio Grandío (A Coruña, 1967) é do Barqueiro, de onde tamén se sente el. Este historiador e profesor titular de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago falará da represión exercida sobre os membros das corporacións municipais do Ortegal no ano 36, hoxe ás 19.30 horas, no Teatro de Beneficencia de Ortigueira, convidado polo colectivo Terras do Ortegal.

-Que pasou no Ortegal?

-Por un lado está o caso paradigmático de Cariño e Ortigueira, unidos como concello, pero con dúas almas políticas moi claras. Ortigueira era unha capital de partido xudicial con moita tradición desde o século XIX, pero máis moderada, onde ten o seu núcleo boa parte do agrarismo. E Cariño é unha das referencias do sindicalismo español [...]. O choque entre esas dúas culturas é constante, hai un grande dinamismo político, fracturado en dúas comunidades que practicamente non se miran entre si [...] e chocan. E por outro lado, o caso de Mañón, cun alcalde fusilado, un dos poucos casos de resistencia organizada, na ponte do Barqueiro, ao paso das tropas [...]. Ten moita importancia a construción da vía férrea, coa presenza dos obreiros sindicados anarquistas. Son as dúas cuestións que podemos salientar para o ámbito represivo no Ortegal. Unha represión, quizais, pola actividade e pola política sindical [...] co que acontece coas corporacións de Mañón. E a cuestión de Cariño, como referencia a nivel do Estado pola enorme forza sindical do porto e das fábricas. E no Ortegal hai localizacións de fosas, que seguen onde estaban, coma en toda Galicia e en toda España.

-Por que non se fai nada?

-O peor é o esquecemento do que fomos, a idea de que só existe o presente e que non imos buscar no pasado para construír o futuro. É sangrante... O elemento máis dramático agora mesmo é a banalización dese pasado dramático [...], cun discurso que vai contra a democracia. Faltan políticas públicas serias, sen partidismos e sen ter prazos electorais.